2018, un ano pesimista para a natalidade na área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
23 de decembro 2018

A escasos días para terminar o 2018, a cifra de nacementos no Hospital Provincial será a máis baixa do últimos catro anos. O Hospital do Salnés tamén pechará con descenso da natalidade

Manuel Entenza Conejo, primeiro bebé do año en Pontevedra, coa súa nai
Manuel Entenza Conejo, primeiro bebé do año en Pontevedra, coa súa nai / Diego Torrado

Manuel Entenza Conejo foi o primeiro bebé que nacía no Hospital Provincial este 2018. Aínda non é posible saber quen será o bebé que peche a cifra de nacementos nestas dependencias durante estes doce meses; pero o que si se pode afirmar é que entre un e outro o resultado final é un descenso da natalidade na área sanitaria Pontevedra.

Pilar Crespo, pediatra neonatóloga, e Natalia Alonso , supervisora de partos; ambas no Hospital Provincial, sinalaban en PontevedraViva Radio que o 2018 será "dos peores do últimos catro anos".

A tendencia á baixa vén sucedéndose, con maior ou menor oscilación, desde hai oito anos. Mentres 2010 concluíuse con case 1.900 nacementos no Complexo Hospitalario de Pontevedra, nos anos seguintes foi reducíndose progresivamente a natalidade ata oscilar nos tres últimos ao redor dos 1.550 bebés. O ano pasado contabilizáronse 1.552 nacementos.

Desta forma e a falta de que a administración sanitaria poida contabilizar os partos destes dous últimos meses, ata outubro foron 1.125 nacementos os que se produciron no Provincial, fronte aos 1.242 do ano anterior no mesmo tempo; isto é, 117 menos. Facendo unha proxección baseada nestas cifras, poderíase concluír este ano cuns 1.350 nacementos. Así, a caída no Hospital pontevedrés superaría lixeiramente os 200 bebés.

SITUACIÓN SEMELLANTE NO SALNÉS

Na comarca do Salnés a tesitura tamén evidencia descenso da natalidade. Mirando o mesmo período que se sinala no Hospital Provincial, - do mes de xaneiro a outubro-, nese intervalo do pasado ano naceron 411 bebés, mentres nestes dez últimos meses naceron 374. O resultado por tanto, 37 menos.

Durante todo o 2017 no Hospital do Salnés naceran 505 criaturas. Realizando a mesma previsión que no caso da capital seguindo a dinámica destes datos, poderíase acabar o ano con 448 bebés, o que resultaría 57 menos que no ano 2017.

Comparativamente entre ambos os dous centros do complexo hospitalario, o descenso sería algo máis acusado no hospital pontevedrés.