25 centros comunitarios de compostaxe darán servizo a 4.600 veciños de Monte Porreiro

Pontevedra
25 de outubro 2017

O despregamento de centros comunitarios de compostaxe intensificarase en Monte Porreiro a partir deste xoves. En total, serán vinte e cinco puntos que darán servizo, segundo os cálculos municipais, a 4.600 veciños de todo o barrio

Composteiro comunitario de Monte Porreiro
Composteiro comunitario de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O despregamento de centros comunitarios de compostaxe intensificarase en Monte Porreiro a partir deste xoves. En total, serán vinte e cinco puntos que darán servizo, segundo os cálculos municipais, a 4.600 veciños de todo o barrio.

Esta poboación xera, cada día, 1.840 quilos de biorresiduos susceptibles de ser empregados na produción de compost. A eles hai que sumar os outros 895 quilos diarios dos denominados produtores singulares, é dicir, cafeterías, restaurantes ou colexios, entre outros.

De todos eles, un 7% acaba convertido nun compost de calidade "impresionante", segundo explicou a edil responsable do servizo, Carme da Silva. Todo este material reutilizarase no propio barrio como abono de parques, xardíns e zonas verdes ou para uso particular dos veciños, grazas ao "moi importante" compromiso social que demostraron.

Nunha primeira fase, aos tres centros comunitarios xa en funcionamento, sumaranse outros dez que atenderán ás zonas máis poboadas do barrio. Ao terminar con eles, instalaranse os outros doce para completar a cobertura en Monte Porreiro.

Esta actuación complementarase con reunións cos veciños para explicarlles o funcionamento destes centros de compostaxe.

Paralelamente, explicou Da Silva, os técnicos do Concello e da Deputación están a ultimar o plan de despregamento para Campolongo, o segundo barrio da cidade na que se colocarán estes centros de compostaxe.

Coa entrada en vigor do novo contrato do servizo de recollida de lixos, adiantou a edil do BNG, reordenarase o sistema actual de colectores. Manteranse os amarelos, azuis e verdes para plástico e envases, papel e cartón e vidro respectivamente; e substituiranse os verdes xenéricos por outros nos que se depositará unicamente a denominada fracción resto. Todo o material orgánico deberá acabar nos composteros.