Paralizan o despregue da compostaxe en Monte Porreiro ante a división veciñal

Pontevedra
11 de novembro 2017

Ante a discrepancia existente, sinalan desde o goberno, o Concello está disposto a negociar e atender as conclusións feitas polos veciños que rexeitan os lugares escollidos sempre que respondan a solucións tecnicamente viables

Un dos composteiros comunitarios de Monte Porreiro
Un dos composteiros comunitarios de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O goberno municipal, ante a división que se está a detectar entre os veciños de Monte Porreiro, tomou a decisión de paralizar o despregue dos composteiros comunitarios que se estaban a instalar no barrio. Faino a petición da asociación de veciños O Mirador.

A decisión adoptouse logo da postura de veciños veciños que manteñen unha visión contraria ás localizacións dalgúns novos centros de compostaxe.

O Concello recorda que se seguiron criterios técnicos para a instalación desta primeira fase de composteiros e que, dentro das marxes que permitían as decisións técnicas, acordou cos representantes veciñais as localizacións definitivas.

Ante a discrepancia existente, sinalan desde o goberno, o Concello está disposto a negociar e atender as conclusións feitas polos veciños que rexeitan os lugares escollidos sempre que respondan a solucións tecnicamente viables.

"En ningún momento o goberno local pretende ser causa de enfrontamento entre os veciños", aseguran desde o Concello. Por iso, mentres se resolve esta situación, acorda paralizar o despregue dos composteiros comunitarios

Mentres tanto, o Concello continuará en marcha o proxecto da compostaxe comunitaria municipal noutros puntos do concello. Ademais, manterá os composteiros que xa están funcionando en tres puntos distintos de Monte Porreiro e nos que compostan arredor de 1.000 veciños

A pesar deste inconveniente, o Concello agradece a aposta decidida de Monte Porreiro pola compostaxe, algo que quedou de manifesto, segundo indican nun comunicado, na última reunión veciñal.

Iso si, o goberno lamenta que se demore a implantación dos avances económicos e ecolóxicos que suporía a posta en marcha deste novo sistema de tratamento dos residuos orgánicos deste barrio pontevedrés.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora