Ducias de profesores do instituto Luis Seoane de Monte Porreiro sumáronse nas últimas horas a unha campaña de recollida de sinaturas para reivindicar a compostaxe como alternativa "limpa, ecolóxica e sostible" ao actual modelo de incineración e centralización no tratamento do lixo.
A campaña chega en medio dunha polémica no barrio despois de que un grupo de veciños se opuxese á ubicación de composteiros na zona inicialmente fixada pola asociación veciñal e o Concello.
Os profesores indican, ao respecto, que entenden que se poidan dar debates sobre as ubicacións dos composteiros no barrio, pero estes debates deben ser "rigorosos e construtivos" para "evitar algunhas informacións falsas e acientíficas como as que están circulando".
Segundo deron a coñecer os impulsores, a campaña continuará ao longo do curso e incluirá recollida de sinaturas entre os docentes e tamén actividades de sensiblización coa ecoloxía e coa reciclaxe.
Un dos promotores da iniciativa, o profesor de Tecnoloxía, Fernando Malvar Cortizo, sinalou que os propios currículos académicos contemplan a necesidade da educación ambiental, pero, desafortunadamente, durante anos tense abordado o asunto da reciclaxe sen poder concretar moitas destas prácticas pola falta de proxectos como o actual plan de compostaxe que permite que a reciclaxe de residuos orgánicos a través da compostaxe sexan unha realidade.
Na súa opinión, "é unha oportunidade para o barrio de Monte Porreiro e para o medio ambiente e para un futuro máis limpo para os nosos alumnos e alumnas", por iso é polo que, como docentes, consideran importante manifestar o seu posicionamento.
Ademais, anuncian que solicitarán ao concello un composteiro para o propio centro e coordinarán actividades con outros centros do barrio ao longo do curso.