"Pontevedra volve a pagar 25.000 euros polo aluguer duns terreos aos que non se lle está a dar ningún uso", así o denunciou este martes o portavoz dos populares no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira.
O remate do ano 2017 xera outros 25.000 euros de gasto para o Concello de Pontevedra co fin de pagar á comunidade de montes de A Canicouva o aluguer dos terreos nos que se ía instalar a planta de compostaxe, todo isto, "a pesar de que ata o momento non existe nin tan sequera proxecto para dita instalación".
Deste xeito, se suma xa un total de 50.000 euros, correspondentes ás dúas anualidades do 2016 e do 2017, respectivamente.
O PP sinala directamente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e acúsao: "Lores e o seu goberno están a tirar cos cartos dos veciños de Pontevedra". Ao edil popular lle parece un "despropósito" que "o BNG continúe pagando este aluguer sen ter determinado que se vai facer neses terreos, e que pola contra se negue a cumprir as demandas que lles solicitan os propios veciños, como por exemplo a reforma da rúa Lepanto ou a do Campo da Torre".
"Esta é a política de Lores: empregar os cartos dos veciños de Pontevedra en proxectos que non existen, mentres desoe as prioridades reais dos pontevedreses", engadiu Jacobo Moreira.
Finalmente, dende a formación popular lembran que xa pasaron dous meses dende que lle pediron información ao goberno local sobre o lugar e o número de composteiros comunitarios que van a instalar no barrio de Monte Porreiro e tamén no barrio de Campolongo.
"Esperemos que Lores lle solicitase ao novo ano máis coordinación e mellor xestión para o seu goberno, tras comprobar a parálise que vén sufrindo Pontevedra dende hai moitos meses", sentenciou o portavoz dos populares.