Toda Galicia saíu á rúa para dicir, máis alto que nunca, basta xa á barbarie da violencia machista, unha lacra que no últimos quince anos acabou coa vida de 57 mulleres galegas. E Pontevedra, neste 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, non quedou atrás.
Na Praza da Peregrina, o Colectivo Feminista de Pontevedra organizou unha poxa simbólica de homes, coa que pretendían denunciar de maneira irónica como as mulleres son ofertadas ao mellor ofertante para casar, prostituílas, empregalas como ventre de aluguer, utilizalas como man de obra barata ou abusar sexualmente delas.
Así, por un día, investíronse os papeis e foron os homes os que foron expostos e comprados con este fin, mostrando a outra cara da maneira e como a sociedade, por acción ou por omisión, pode favorecer o desenvolvemento da violencia contra as mulleres.
Durante este acto, representantes do Colectivo Feminista de Pontevedra leron un manifesto no que afirmaron que "non gardaremos silencio, non miraremos para outro lado, nin sumisas nin caladas", ante calquera tipo de conduta machista.
A este respecto, reclamaron ás institucións que cumpran o denominado convenio de Istambul, abordando de forma real e non só punitiva, senón tamén de protección social, de prevención e reparación do dano en todas as formas e expresións de violencia contra as mulleres, nenas e nenos.
Ademais, esixiron maior dilixencia dos gobernos e dos parlamentos na aplicación das 214 medidas incluídas no Pacto de Estado nesta materia, que a acreditación extraxudicial da situación de violencia regúlese con urxencia e eficacia ou que se melloren os servizos públicos de prevención e atención.
Entre outras medidas, tamén pediron a inclusión da educación sexual e para a igualdade en todo o sistema educativo, fomentar a aplicación de políticas públicas de axuda ás mulleres maltratadas e prostituídas, sancionar de maneira contundente e disuasoria aos homes que compran servizos sexuais ou crear unha verdadeira rede de Centros de Información á Muller (CIM), capaz de dar un servizo integral a cada unha das galegas.