25N | Catro novos círculos permanentes recordan as vítimas pontevedresas da violencia machista

Pontevedra
24 de novembro 2025
Actualizado: 14:46

A obra foi vandalizada en varias ocasións desde a súa inauguración, hai un ano, e agora volve lucir íntegra diante da Audiencia Provincial en memoria das 34 mulleres e 2 nenas asasinadas

Inauguración dos círculos en memoria das vítimas da violencia machista e vicaria
Inauguración dos círculos en memoria das vítimas da violencia machista e vicaria / Mónica Patxot

A instalación artística en memoria das vítimas da violencia machista creada hai xusto un ano diante da Audiencia Provincial de Pontevedra suma catro novas incorporacións.

Nesta instalación hai círculos permanentes que lembran ás vítimas da violencia machista na provincia e por iso é polo que agora suma catro novas placas, polos feminicidios rexistrados na provincia en 2025.

As novas placas lembran a: M.C.P., 49 anos e veciña de Campo Lameiro; R.R.G., de 78 anos e de Cerdedo -Cotobade; E.G.D., de 61 anos e de Vilagarcía de Arousa; e T.D.J.G., de 48 anos e de Porriño.

O crime de Campo Lameiro segue en fase de investigación; os de Cerdedo e Vilagarcía foron matricidios; e a vítima de Porriño é unha traballadora do SAF asasinada por un usuario do servizo.

No chan da praza hai agora 36 círculos conmemorativos: 34 negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas e 2 brancos, coas iniciais das dúas irmás vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos. Son as asasinadas pola violencia machista e vicaria na provincia de Pontevedra desde que hai datos oficiais en 2003.

Vandalizado en varias ocasións desde a súa inauguración, esta semana, con motivo do 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, volve lucir íntegro coa reposición das placas esnaquizadas, roubadas ou deterioradas.

Esta instalación busca lembrar as vítimas da violencia machista e interpelar á sociedade cunha mensaxe contundente, 'Non mires cara a outro lado. Son Asasinatos'. Busca combinar lembranza, rexeitamento e reivindicación de xustiza.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, elixiu esta instalación para comparecer ante os medios de comunicación co gallo do 25N.