260.000 quilómetros vixiando o monte para loitar contra os incendios

Pontevedra
21 de agosto 2015

As tarefas de prevención e vixilancia para loitar contra os incendios forestais que realizan militares da Brilat no marco da operación Sentinela Galega chegaron ao seu ecuador este verán. Os soldados están despregados dende o 15 de xullo e deron 111 avisos: 43 conatos, 45 incendios e 23 queimas de restrebas

Operación Centinela Gallego 2015 da Brilat BRILAT OC

As tarefas de prevención e vixilancia para loitar contra os incendios forestais que realizan militares da Brilat no marco da operación Centinela Gallego chegaron ao seu ecuador este verán. Os soldados están despregados dende o 15 de xullo e xa percorreron, segundo os datos facilitados este venres, case 260.000 quilómetros.

As patrullas militares inclúen soldados da Brilat do Ejército de Tierra e do Tercio Norte de Infantería de Marina de la Armada e, segundo as cifras oficiais, deron 111 avisos ás autoridades e medios de loita contra o lume. En total, avisaron de 43 conatos, 45 incendios e 23 queimas de restrebas.

A Brilat indica, a través dun comunicado, que o balance da operación Centinela Gallego deste ano "é positivo", xa que a alerta temperá facilitada polas patrullas contribuíu á rápida actuación dos servizos de extinción da Xunta. A percepción cidadá e o seu apoio ás patrullas "tamén é boa", pois aseguran que as tarefas de vixilancia e disuasión realizadas en colaboración coas autoridades civís, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os servizos da Xunta contribuíron á prevención de incendios forestais.

Entre o 15 de xullo e este venres 21 de agosto participaron na operación 450 militares da Brilat e o Tercio Norte. Os primeiros teñen asignadas as patrullas das provincias de Pontevedra e Ourense, mentres que os efectivos da Armada, con sede en Ferrol, se encargan da provincia da Coruña.

Este verán 2015 a operación incorpora o uso de sistemas aéreos non tripulados ou drones. Segundo apuntou no seu día o xeneral da Brilat, Luis Cebrián Carbonell, "el sistema cubrirá, en sucesivos despliegues, toda la zona de actuación".