A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou este xoves unha nova xuntanza do seu Consello Asesor de Pacientes no Hospital Provincial.
Este encontro, que congregou a 28 asociacións de doentes, tivo como obxectivo principal mellorar a calidade asistencial, analizar iniciativas de humanización e realizar un seguimento do proxecto construtivo do Novo Hospital Montecelo.
A sesión, presidida polo xerente da Área Sanitaria, Jose Flores Arias, abordou diversas cuestións cruciais para o futuro da atención na comarca.
Entre os puntos máis salientables, confirmouse a incorporación de dúas novas entidades ao Consello: Pontecorazón, que agrupa a persoas con enfermidades cardíacas, e ASOTRAME, asociación de transplantados de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas.
Durante a xuntanza, os asistentes realizaron un seguimento detallado de cuestións do día a día tanto organizativas como asistenciais no ámbito da Atención Primaria e da Hospitalaria.
Ademais, presentouse por parte da xerencia un resumo actualizado sobre a evolución e as previsións do proxecto construtivo do Novo Hospital Montecelo, infraestrutura fundamental para modernizar os servizos sanitarios nos vindeiros anos.
Tamén se puxo o foco en iniciativas de humanización, novas acreditacións e certificacións de calidade na área de saúde, os recentes premios e recoñecementos á asistencia, e a futura implantación de servizos dixitais.
Os responsables das diversas asociacións de pacientes tiveron un papel activo, achegando propostas concretas para mellorar a coordinación co Sistema Sanitario Público.

As achegas centráronse na formación, a divulgación e a optimización da Atención Primaria e Hospitalaria, así como nas futuras opcións de mellora que abrirá o Novo Hospital Montecelo unha vez rematado.
O Consello Asesor de Pacientes, constituído no ano 2019, é un órgano colexiado de carácter consultivo cuxa finalidade é mellorar a calidade da asistencia sanitaria a través da percepción directa dos pacientes.