A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de adxudicar á empresa EDNON S.L. a subministración, instalación e posta en marcha dun sistema integral de xestión de imaxe para o bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo de Pontevedra.
O investimento alcanza a cifra dos 1.188.341 euros.
Este novo sistema permitirá que cada un dos 11 quirófanos dispoña de tecnoloxía para a xestión en tempo real de vídeo, audio e datos, asegurando a transmisión, gravación e distribución eficiente durante as intervencións.
Ademais, o sistema integrará os quirófanos cos elementos corporativos do hospital, facilitando a interoperabilidade da información.
O quirófano híbrido, equipado cun sistema de videoconferencia e streaming, permitirá realizar tanto cirurxías convencionais como intervencións minimamente invasivas de alto risco guiadas por imaxe.
Complementando esta tecnoloxía, o bloque contará tamén con equipos de monitorización, mesas de exploración, ferramentas de visualización, columnas de anestesia, sistemas de subministro e cirurxía, e iluminación cirúrxica de última xeración.