Este martes, Ence deu a coñecer o fallo do seu Plan Social durante un acto celebrado na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, coa presenza de Antonio Casal, director territorial de Ence en Galicia, e Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra.
Os dous resaltaron a relevancia desta iniciativa para o desenvolvemento e benestar da comunidade e Antonio Casal rexeitou responder a outro tipo de preguntas sobre o conflito laboral que se desenvolveu semanas atras e plans de futuro da empresa.
Casal si indicou que o Plan Social de Ence Pontevedra, despois de que a consultora especializada Valora revisara 500 proxectos presentados en 2024 seleccionou 286 proxectos que se benefician das axudas distribuídas a través dun fondo de tres millóns de euros.
Estas axudas van dirixidas a impulsar principalmente actividades relacionadas co deporte de base e de élite; educación e cultura; inclusión social; recuperación e coidado da contorna; e emprendemento e innovación.
Os proxectos se distribúen nas seguintes áreas:
-
Deporte de base e de élite: presentáronse 116 proxectos, onde se fomenta o esforzo, a superación e o traballo en equipo.
-
Educación e cultura: 57 proxectos para impulsar o coñecemento e a creatividade.
-
Inclusión social: 48 proxectos que buscan unha sociedade máis xusta e igualitaria.
-
Recuperación e coidado do contorno: 45 iniciativas para a mellora ambiental.
-
Emprendemento e innovación: 21 proxectos destinados a potenciar o talento e a xeración de novas oportunidades.
Agustín Reguera destacou o carácter esencial deste Plan Social para a comarca de Pontevedra, Poio e Marín: "É unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento económico e social da nosa comarca. Desde 2017, Ence demostra o seu compromiso mediante 1.500 proxectos realizados, e este ano se presentaron case 500 candidaturas", sinalou o representante da Xunta.
Pola súa parte, Antonio Casal enfatizou a importancia do compromiso de Ence coa calidade de vida na súa área de influencia destacando que o Plan Social desde a primeira edición leva destinados 15 millóns de euros para impulsar diferentes actividades: "Apoiamos 286 proxectos en diversas áreas, convencidos de que esta iniciativa xerará oportunidades e mellorará a calidade de vida para as distintas comunidades. Ser bos veciños é para nós unha prioridade, e seguiremos a traballar para fortalecer a nosa biofábrica, xa recoñecida a nivel mundial por súa sustentabilidade e compromiso ambiental."
O director territorial sinalou a súa visión a futuro para continuar impulsando este tipo de iniciativas, mentres se monitoriza a evolución dos proxectos que se van desenvolver durante este 2025. Casal avanzou que se estudará a realización dun novo Plan Social para o próximo ano.
Casal insistiu nen que esta iniciativa supón un "esforzo moi importante da nosa compañía, Temos moi claro que a nosa actividade ten que ir da man do progreso social e económico do entorno".
As comunicacións oficiais con todas as resolucións das candidaturas comezaron a emitirse este mesmo martes aos beneficiarios.

CONFLICTO LABORAL RESOLTO
Fontes do comité de empresa da fábrica de Ence confirmaron que a semana pasada a dirección de Ence presentou unha proposta de preacordo para resolver o conflicto laboral aberto onde se reclamaba máis persoal e unha revisión das instalacións da factoría en Lourizán.
A empresa comprometeu máis recursos humanos e económicos. A proposta someteuse a votación en asemblea e unha maioría axustada do plantel decidiu aceptar as melloras establecidas pola dirección e suspender as protestas que levaran a unha xornada de folga.
Desde o comité de empresa indican que se manteñen "vixilantes" para comprobar que se aplican as medidas prometidas de que cumplan ese compromiso con reforzos de persoal en determinados departamentos.
Antonio Casal evitou realizar declaracións en relación a este acordo laboral e tampouco quixo manifestarse sobre o plan Avanza Pontevedra, que está previsto que comece a executarse ao longo deste 2025 cun investimento previsto de preto de 120 millóns de euros nos vindeiros seis anos para desenvolver na fábrica de Lourizán materiais de celulosa especiais e mellorar a eficiencia na produción.
