O comité de empresa de Ence Pontevedra convoca unha folga de 24 horas para o vindeiro xoves 30 de xaneiro na factoría de Lourizán, ante "a absoluta falta de comunicación e vontade negociadora" por parte da dirección da empresa.
Desde o comité piden ao persoal da fábrica que se sofren algunha presión ou coacción dende a empresa para exercer o dereito a folga, que se poñan en contacto cos representantes sindicais ou directamente cos integrantes do comité.
Esta convocatoria chega despois do ultimato presentado o pasado 15 de xaneiro, no que os representantes dos traballadores advertían dunha situación "insostible" en materia de seguridade laboral, xestión de persoal e investimentos nas instalacións.
O conflito laboral, que se arrastra desde hai meses, acumula máis de trinta denuncias ante a Inspección de Traballo.
Os sindicatos, con maioría de CCOO (sete delegados) e tres delegados cada un de CIG e UGT, denuncian o deterioro das instalacións e a falta de investimentos reais na factoría.
Entre as principais demandas destacan a necesidade de mellorar a seguridade nas estruturas de formigón, a limpeza industrial e a renovación de instalacións obsoletas.
Tamén critican a alta rotación do persoal eventual e a contratación "día a día" de traballadores novos.
Pola súa banda, a empresa defende a súa xestión alegando investimentos de 200 millóns de euros na última década e un proxecto de futuro, "Pontevedra Avanza", que prevé unha inversión de 120 millóns no período 2024-2028.
Ademais, destaca que o índice de accidentalidade está cinco veces por baixo da media do sector manufactureiro español.
O cadro de persoal, que conta con arredor de 250 traballadores, xa ratificara en asemblea o seu apoio á folga, coa posibilidade de estenderse a máis xornadas se continúa sen haber un achegamento ás súas demandas.
REACCIÓN DA EMPRESA
Desde a compañía reaccionaron a esta convocatoria sinalando que respectan o dereito de folga comunicada "polo Comité de Empresa da biofábrica de Pontevedra" e reitera a súa voación de diálogo.
Expoñen que, ao longo dos últimos dous meses, Ence reuníuse un total de 7 veces co seu comité de empresa, reunións cunha duración media de cinco horas, para dar resposta as súas inquedanzas.