28M | O Goberno declara a urxente ocupación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR de Paxariñas

Poio
16 de maio 2023

Gómez Besteiro fixo este anuncio no transcurso dun acto de apoio ao candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Poio, Gregorio Agís   

Encontro de Gómez Besteiro con Gregorio Agís e a candidatura do PSOE en Poio
Encontro de Gómez Besteiro con Gregorio Agís e a candidatura do PSOE en Poio / Mónica Patxot

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes nunha visita a Combarro o acordo polo que se declara a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paxariñas e actuacións en colectores.

Con esta declaración de urxencia acelerarase a expropiación forzosa dos terreos afectados para a realización desta actuación que será cofinanciada coa axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020.

Ademais tamén se declarou a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción do emisario submarino de Montalvo de maior diámetro de capacidade que o existente para que sexa capaz de descargar axeitadamente o caudal máximo de deseño da nova ampliación da EDAR de Paxariñas. 

Con iso posibilitarase un funcionamento adecuado das instalacións existentes, que se dotan de maior capacidade e da adecuada tecnoloxía para garantir os obxectivos de vertedura tanto en período estival como no horizonte futuro, a eliminación dos actuais alivios non tratados na zona de Raxó-Samieira e a redución dos alivios sen tratamento en época de choiva.

Gómez Besteiro fixo estas declaracións no transcurso dun acto de apoio ao candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Poio, Gregorio Agís que aproveitou esta visita para informar o delegado do Goberno do estado da tramitación dalgúns proxectos, especialmente da senda litoral entre Combarro e A Seca, de máis de 1.000 metros de lonxitude e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo. 

Aínda que o proxecto é máis ambicioso e nese afán por recuperar todo o litoral do municipio, expón un proxecto para crear catro novas sendas que permitirán conectar Combarro co paseo do río Lérez ata a parroquia pontevedresa de Bora nunha senda continua.

Agís tamén explicou a súa intención de desenvolver un plan integral para rehabilitar boa parte do centro histórico de Combarro, unha das grandes xoias turísticas e patrimoniais da vila. Para facer realidade este proxecto, o PSOE ten previsto ampararse no marco das axudas do 1,5% Cultural, promovidas polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

Ademais, Gregorio Agís tamén explicou o proxecto de obras de mellora da casa barroca de Combarro para corrixir a súa actual deterioración e que o Concello, nun convenio asinado coa Deputación, poña en valor o seu patrimonio histórico e cultural convertendo esta peza arquitectónica nun recurso turístico e museográfico.

Pero o alcaldable socialista non se detivo aquí e seguiu con outros proxectos en marcha como a cesión de dous locais por parte de Combarromar, a firma concesionaria do Porto Deportivo para habilitar unha Oficina Municipal de Turismo, o proxecto de mellora do trazado do vial entre Casalvito e Padrón, ou o proxecto para impulsar a mellora da seguridade viaria e de servizos no lugar de Chancelas, tamén na parroquia de Combarro.

Segundo Agís estos proxectos "garanten que Poio continúe medrando e asentándose como un concello cunha calidade de vida de primeiro nivel, ao tempo que poñemos en valor recursos patrimoniais e paisaxísticos que teñen un gran potencial como atractivos turísticos e de dinamización económica".

Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro dixo ter claro que Gregorio Agís "é o próximo alcalde de Poio" e sinalou que será así porque "é sinónimo de proxectos, ilusión e, en definitiva, de futuro para o concello". 

Besteiro tamén subliñou que "os feitos son o mellor aval" do candidato socialista coas numerosas actuacións xa impulsadas ou en tramitación. 

"Estes máis de dez proxectos que puiden seguir neste momento do candidato, din moitísimo del. Iso é o que lle preocupa a xente, como vai ser o seu futuro, como van compartir e quen vai dirixir o destino deste Concello. Eu estou orgulloso", afirmou o delegado do Goberno en Galicia.