29 cans adoptados na primeira semana de reapertura do CAAN

O Salnés
19 de maio 2020

Desde a Deputación, institución que se encarga da xestión do Centro de Acollida de Animais, describen como unha "excepcional acollida o restablecemento deste servizo". Nun só día adoptáronse ocho cans, dous deles uns cachorros abandonados en abril nunha explotación gandeira de Rodeiro

Roma, cadela adoptada estes días no CAAN
Roma, cadela adoptada estes días no CAAN / Deputación de Pontevedra

A volta á actividade do Centro de Acollida de Animais (CAAN), que pertence á Deputación de Pontevedra, foi un éxito. Nunha semana de funcionamento 29 cans foron adoptados nestas instalacións, desde que se iniciou a fase 1 da desescalada e puideron retomarse as adopcións co sistema de cita previa.

Esta demanda rexistrouse durante os días de corentena e este luns adoptáronse oito animais de compañía, entre eles atopábanse dous cachorros que foran abandonados en abril nunha explotación gandeira de Rodeiro.

Estes cachorros responden os nomes de 'Roma' e 'Ron' e agora gozarán dun novo fogar ao ser acollidos por unha veciña de Vilagarcía. No centro aínda queda un terceiro cachorro desta camada. O seu nome é ' Rona', que se atopa á espera dalgún adoptante.

Tamén 'Prada', unha cadela pequena que fora recollida en Meaño xunto a tres irmás, atopaba unha nova casa, despois de ser abandonada nos días de confinamento. O seu destino tamén será Vilagarcía.

O xoves 14 tamén saíron do centro cinco animais, entre os que se atopaban dúas cadelas que viaxaron en transporte autorizado a Barcelona e Asturias. Estas adopcións formalizáronse a través dunha protectora.

Neste 2020 adoptáronse 123 animais no CAAN. E hai varias citas programadas ao longo desta semana, ademais de solicitudes de información por parte doutras persoas interesadas, entre elas residentes noutras provincias que consultaron a páxina web do centro.

As persoas interesadas deben de solicitar unha cita previa no teléfono 986 140 360 e, cando se despracen ao recinto de  Armenteira, deberán esperar a súa quenda no exterior do centro, para evitar concentracións de persoas dentro das instalacións. No CAAN está a atenderse de maneira individualizada e estableceuse o protocolo de uso de luvas e máscaras dentro do recinto, ademais do mantemento das distancias de seguridade.