Sete gatos recollidos en Cuntis buscan fogar con urxencia

Umia
20 de maio 2020

Integrantes do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil recollían nos últimos días estes sete animais abandonados. Calquera persoa interesada en adoptar un ou varios exemplares pode contactar con esta entidade no teléfono 647 411 980

Gatos recollidos en Cuntis
Gatos recollidos en Cuntis / Concello de Cuntis

Efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis rescataban nos últimos días a sete gatos e agora, desde o Concello, fai un chamamento para buscarlles fogar de maneira urxente.

Primeiro atoparon unha gata con catro crías, que foron rescatadas da rúa no centro urbano da vila. Días despois, o servizo recibía un novo aviso duns veciños que paseaban polo monte de Gontade, na parroquia de Piñeiro. Alí aparecían outros tres pequenos gatos abandonados no monte presuntamento, sinalan desde o  Concello, por algunha persoa cun comportamento totalmente "desaprensivo".

Todos os animais foron recollidos e trasladados á base de Protección Civil onde están a convivir á espera de que aparezan persoas interesadas na adopción dos pequenos felinos. Este servizo carece de capacidade para atender a longo prazo a toda esta camada. Por este motivo reclaman a colaboración de familias que queiran acollelos para evitar a entrega a un centro de recollida ou a unha protectora.

Calquera particular interesado en adoptar un ou varios dos gatos pode contactar cos integrantes de Protección Cvil a través do teléfono 647 411 980