Este venres 29 de xaneiro volve unha nova edición de Noites Abertas, que leva xa 17 anos en funcionamento e que contan cun orzamento de 112.000 euros, dos que máis de 70.000 proceden, a través do ministerio de Sanidade, de comisos a narcotraficantes.
Ata o sábado 30 de abril desenvolveranse máis de 300 actividades en espazos como, entre outros, o colexio Froebel, o Teatro Principal ou o Local de Música. 19 persoas encárganse da organización e este ano incorpóranse seis integrantes para desenvolver unha comisión que garanta a igualdade de xénero nas actividades e no trato por parte dos monitores, segundo explicou o concelleiro Demetrio Gómez durante a presentación destas actividades quérense evitar erros cometidos en anos anteriores nos que, nalgunha actividade, existían modelos distintos para mulleres e para homes.
Os mozos, menores con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, poden participar nestas actividades que comezarán este venres no Froebel a partir das 20.00 horas con esgrima, amigurumis, cociña marroquí, tenis de mesa, obradoiros de ligue e sedución, videomaratón de Noites Abertas, TeleNoites, elaboración de xabón ecolóxico e unha divertida sesión de Quidditch Muggle, o deporte de Harry Potter. Na Casa Azul a partir das 20.00 horas desenvolveranse artes marciais, elaboración de sobremesas e breakdance mentres que no Local de Música poñeranse en marcha actividades de iniciación ao rap e de percusión tradicional.
Serán as primeiras iniciativas, propostas todas polos propios mozos, que se desenvolverán durante os próximos meses nos que, entre outras opcións, tamén se poderá aprender a xogar á billarda, a diferentes deportes, á zumba, a realizar aturuxos de distintos países do mundo ou papiroflexia.
Algunhas actividades requiren inscrición previa, que se pode realizar a través de [email protected] e todas son gratuítas. A organización tamén estableceu unha aplicación para dispositivos móbiles para que os interesados en participar poidan coñecer as diferentes propostas.