300.000 euros en xoias e obxectos de valor, o 'botín' que roubou unha empregada de fogar en Pontevedra

Pontevedra
26 de setembro 2025
Actualizado: 13:11

A vítima, segundo informou a Policía Nacional, é unha persoa enferma e de idade avanzada. As xoias foron vendidas en varios establecementos de venda de ouro en Pontevedra e Valladolid

Parte dos obxectos roubados pola empregada de fogar
Parte dos obxectos roubados pola empregada de fogar / Policía Nacional

A Policía Nacional detivo unha muller, que traballaba como empregada de fogar no domicilio dunha persoa de avanzada idade e con Alzhéimer de Pontevedra, por roubarlle xoias e obxectos valorados en máis de 300.000 euros

A traballadora, segundo informou a comisaría provincial, aproveitou o acceso que tiña ás habitacións da vivenda para subtraer pulseiras, medallas, aneis, moedas de ouro, pendentes, placas ou colgantes de ouro.

Todo o que levou tiña un enorme valor económico e sentimental.

Entre o seu botín había xoias antigas herdadas pola anciá ou numerosos artigos de luxo e bolsos de coñecidas marcas.

Foi o fillo da vítima o que denunciou os feitos ante a Policía Nacional ao comprobar que desapareceran gran parte das posesións da súa nai.

Os investigadores lograron identificar e localizar á autora do roubo, que chegou a vender até dezanove xoias en diferentes establecementos de venda de ouro de Pontevedra e Valladolid.

Todas as xoias e obxectos de valor que foron recuperados polos axentes, tamén no domicilio da empregada de fogar, foron devoltas aos seus lexítimos propietarios despois de que as recoñecesen como súas.

A Policía Nacional destaca que o valor do subtraído é "reseñable".

Entre outras cousas, ademais das xoias, a detida roubaría dous libros, un deles un facsímil, adquiridos hai moitos anos por case 4.000 euros cada un.