A Policía Nacional detivo unha muller, que traballaba como empregada de fogar no domicilio dunha persoa de avanzada idade e con Alzhéimer de Pontevedra, por roubarlle xoias e obxectos valorados en máis de 300.000 euros
A traballadora, segundo informou a comisaría provincial, aproveitou o acceso que tiña ás habitacións da vivenda para subtraer pulseiras, medallas, aneis, moedas de ouro, pendentes, placas ou colgantes de ouro.
Todo o que levou tiña un enorme valor económico e sentimental.
Entre o seu botín había xoias antigas herdadas pola anciá ou numerosos artigos de luxo e bolsos de coñecidas marcas.
Foi o fillo da vítima o que denunciou os feitos ante a Policía Nacional ao comprobar que desapareceran gran parte das posesións da súa nai.
Os investigadores lograron identificar e localizar á autora do roubo, que chegou a vender até dezanove xoias en diferentes establecementos de venda de ouro de Pontevedra e Valladolid.
Todas as xoias e obxectos de valor que foron recuperados polos axentes, tamén no domicilio da empregada de fogar, foron devoltas aos seus lexítimos propietarios despois de que as recoñecesen como súas.
A Policía Nacional destaca que o valor do subtraído é "reseñable".
Entre outras cousas, ademais das xoias, a detida roubaría dous libros, un deles un facsímil, adquiridos hai moitos anos por case 4.000 euros cada un.