315 euros de sanción por aparcar reiteradamente nunha praza para discapacitados para ir a traballar

Pontevedra
22 de marzo 2014

A Policía Local de Pontevedra multou un veciño de Poio tras comprobar que utilizaba indebidamente unha tarxeta dun familiar para estacionar nunha destas prazas, na rúa Eduardo Pondal, cando non encontraba lugar para aparcar

Praza para persoas con mobilidade reducida na rúa Eduardo Pondal
Praza para persoas con mobilidade reducida na rúa Eduardo Pondal / Diego Torrado

A Policía Local de Pontevedra multou un veciño de Poio por aparcar en reiteradas ocasións nunha praza reservada a persoas con mobilidade reducida na rúa Eduardo Pondal.

Os axentes tiveron que realizar un seguimento ao condutor, pois contaba cunha tarxeta que lle permitía aparcar pero que pertencía a un membro da súa familia.

Desta forma púidose comprobar que o individuo acudía a traballar diariamente como único ocupante do coche, un Nissan Qashqai, e se non atopaba sitio preto do seu posto de traballo, estacionaba nunha destas prazas situada á altura do número 66 da citada rúa, habilitada para dar servizo a unha clínica de rehabilitación.

Unha vez acreditada a infracción, a Policía Local abriu un expediente sancionador e procedeu a retirar o vehículo a través do guindastre municipal, o que fai un total de 315 euros de sanción (200 de multa e 115 por retirar o coche do depósito).

Ademais os axentes dirixíronse ao posto de traballo do condutor, a escasos metros da praza de aparcadoiro en cuestión, para notificarlle que fora denunciado e que se lle requisaba a tarxeta especial de estacionamento.

Aínda que segundo a Policía Municipal en Pontevedra se respectan habitualmente as prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida, durante 2013 denunciaron 385 casos, dos cales 159 levaron consigo tamén a retirada do automóbil por parte do guindastre.