Unha sesaxenaria foi denunciada pola Policía Local de Pontevedra por uso indebido dunha tarxeta para estacionamento en prazas reservadas para persoas con discapacidade. Foi detectada en tres ocasións estacionando o seu vehículo na mesma praza usando unha tarxeta a nome da súa nai, que está morta.
Esta conducta infractora detectouse por primeira vez o día 16 de agosto. Eran as 10.35 horas e unha patrulla da Policía Local observou como unha muller sen problemas aparentes de mobilidade estacionaba no espazo reservado para persoas con mobilidade reducida da praza de Valentín García Escudero e marchaba soa do lugar. Non trasportaba a ningunha persoa que necesitase usar unha destas prazas.
Dez días despois, o 26 de agosto, unha patrulla volveu observar a mesma conducta. Era un pouco máis cedo, sobre as 9.55 horas, cando a muller chegou, estacionou no mesmo espazo, colocou unha tarxeta e baixou do vehículo sen compañía.
Uns 40 minutos máis tarde, sobre as 10:34 horas, regresou soa e marchou co vehículo. Nese momento, unha patrulla policial seguiuna para intentar averiguar se recollía a algunha persoa, pero os axentes comprobaron que non. A condutora saiu da cidade en dirección á avenida de Compostela, a rúa Médico Ballina e a estrada de Santiago.
Nos últimos catro meses, a Policía Local denunciou cinco persoas por uso indebido destas tarxetas
Ao día seguinte, tras ter confirmado estas dúas actuacións previas, a Policía Local intensificou o control sobre o vehículo. A primeira hora de mañá, ás 8.35 horas, estacionou na praza de Valentin García Escudero novamente estando soa, coma nas outras ocasións. Nese momento, os axentes identificaron á condutora e notificáronlle tres denuncias (a desa mañá e a dos días 16 e 26).
Ademais, pedíronlle a tarxeta que colocaba no vehículo cando aparcaba na praza reservada para persoas con discapacidade e comprobaron que estaba a nome da nai da infractora, xa falecida. A muller recoñeceu o uso indebido da tarxeta.
A muller resultou ser veciña de Meis e os axentes comprobaron que acudía con frecuencia a Pontevedra e adoitaba estacionar no reservado para persoas con mobilidade reducida na praza de Valentín García Escudero.
Esta conduta non é unha excepción. Nos últimos catro meses, a Policía Local denunciou cinco persoas por uso indebido destas tarxetas.