33 denuncias por violencia de xénero na provincia durante a primeira quincena de novembro

Pontevedra
15 de novembro 2019

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, ofrecía este venres datos sobre violencia machista na provincia con motivo da presentación do terceiro concurso de relato curto e debuxo entre o alumnado para visibilizar este problema estrutural. Séguense 1.112 casos a través do sistema Viogén, ningún de risco extremo

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, durante a rolda de prensa
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, durante a rolda de prensa / Cristina Saiz

En dúas semanas que van do mes de novembro, a Subdelegación do Goberno ten constancia de 33 denuncias na provincia por casos de violencia de xénero. Maica Larriba, subdelegada do Goberno, explicaba este venres que en 14 días de mes se tramitaron todas estas denuncias, 3 de risco alto; 11 medio; 8 baixo e 11 con risco non apreciado. 

Segundo explicaba a representante gobernamental está a manterse a media de denuncias mensuais. Indicaba que as forzas de seguridade recollen ao redor de 4 denuncias nos días de semana, con especial incremento durante as fins de semana.

A subdelegada afirmou que na actualidade hai 1.112 casos na provincia nos que se realiza seguimento a través do sistema Viogén da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior. Ningún dos casos atópase en risco extremo.

O tramo de idade no que se rexistran máis denuncias sitúase entre os 35 e os 45 anos. Maica Larriba apuntou tamén que hai máis denuncias durante os últimos anos por parte de mulleres novas do mesmo xeito que entre maiores de 65 anos.

Estes datos eran facilitados durante a presentación da terceira edición do concurso de relatos curtos e debuxo contra a violencia machista entre o alumnado da provincia con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero.

Nesta ocasión participaron 222 centros de ensino da provincia. Establécense dúas categorías distintas, unha para estudantes de Formación Profesional básica e ciclo medio e para alumnado da ESO. Outra categoría é para FP superior e o alumnado de Bacharelato. Presentáronse 327 traballos que este venres analizan os xurados.

Os premios entregaranse nunha gala que se desenvolverá na sede de Afundación o próximo 21 de novembro.