A campaña dixital #RachemosCoaIndiferenza promove un cambio social contra a violencia de xénero

Pontevedra
20 de novembro 2019

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo pon en marcha unha campaña de sensibilización coa que pretende aumentar a conciencia sobre a problemática da desigualdade entre homes e mulleres e a violencia machista

Presentación da campaña #RACHEMOS COA INDIFERENZA
Presentación da campaña #RACHEMOS COA INDIFERENZA / GDR Pontevedra Morrazo

A través dunha imaxe e un slogan coa produción de tres vídeos, o Grupo de Desenvolvemento Rural ( GDR) Pontevedra Morrazo inicia unha campaña en distintas redes sociais co obxectivo de que os 13  concellos vinculados a este colectivo sensibilicen á poboación acerca da violencia de xénero e ademais se ofreza información sobre os recursos e os servizos de apoio existentes.

O director xeral da  Axencia Galega de  Desenvolvemente Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, participaba na presentación da campaña dixital #RachemosCoaIndiferenza que se realizaba este mércores na Casa da Luz coa presenza de Miguel Anxo Fernández Lores, como presidente do GDR e alcalde da cidade e Ana Ortiz, secretaria  xeral da Xunta de Galicia en Pontevedra.

A campaña conta cun orzamento próximo aos 4.000 euros destinados ao deseño e realización do material destinado a promover un cambio social co obxectivo de lograr unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres principalmente no ámbito rural.

Nin boca pechada, nin darlle as costas nin cruzarse de brazos; con estas mensaxes desde a GDR Pontevedra Morrazo lóitase contra a indiferenza social ante os casos de violencia de xénero e a través da web deste grupo se poderán consultar os teléfonos de atención á muller, servizos de asistencia ou calquera outra información de interese relacionada cos municipios que forman parte da zona Pontevedra e O Morrazo.