O financiamento europeo e a bipolaridade demográfica en Galicia centran o primeiro foro de desenvolvemento rural do GDR Pontevedra e O Morrazo

Pontevedra
10 de novembro 2022

No foro realizouse unha reflexión conxunta entre os axentes institucionais, económicos e sociais, así como a veciñanza do territorio de influencia do GDR, que permitirá deseñar a estratexia de desenvolvemento local participativo do vindeiro período 2023-2027 

Primeiro Foro de Desenvolvemento Rural para o diagnóstico do territorio organizado polo GDR de Pontevedra e O Morrazo.
Primeiro Foro de Desenvolvemento Rural para o diagnóstico do territorio organizado polo GDR de Pontevedra e O Morrazo. / GDR Pontevedra Morrazo

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este martes o primeiro Foro de Desenvolvemento Rural para elaborar o diagnóstico do territorio organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra e O Morrazo.

O foro permitiu a dinamización e activación do capital social sobre o que se asentará a estratexia de participación do GDR Pontevedra Morrazo que deberá contribuír ao obxectivo xeral de “promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía circular e a silvicultura sustentable”.

A participación das persoas e diferentes colectivos e entidades do territorio articulouse en mesas sectoriais nas que se realizou unha reflexión diagnóstica da situación actual e potencialidades do territorio, constatando unha bipolaridade territorial entre unha zona interior menos desenvolvida e unha zona litoral máis dinámica, que encara mellor os problemas sociodemográficos e económicos.

Ademais deuse a coñecer o novo marco de financiamento europeo para o período 2023-2027, de cara ao desenvolvemento do territorio (Pacto Verde Europeo, Estratexia “da granxa á mesa” para un sistema alimentario xusto, saudable e respectuoso co medio ambiente, Estratexia sobre a biodiversidade etc.) e o Plan Estratégico de la PAC de España 2023-2027 (PEPAC), no que se insire a intervención Leader e no que se establece o contexto operativo no que van actuar os GDR nos próximos anos.