4.386.610 euros, cifra récord no orzamento de Cerdedo-Cotobade que se debaterá este mes

Cerdedo Cotobade
21 de xaneiro 2023

Jorge Cubela, alcalde do municipio, sinala que o investimento por residente sitúase arredor dos 770 euros. Destaca que se recollen axudas a colectivos veciñais, culturais e sociais do municipio reservándose partidas para a construción da Residencia de Maiores en Carballedo ou a colaboración coas comunidades de usuarios de augas, entre outros puntos

Vehículo co que se realizan servizos sociais a domicilio en Cerdedo-Cotobade
Vehículo co que se realizan servizos sociais a domicilio en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade - Arquivo

Neste mes de xaneiro está previsto que se debata en pleno o orzamento municipal para 2023 do Concello de Cerdedo-Cotobade. O alcalde Jorge Cubela presenta unha cifra récord no municipio ao ascender a 4.386.610 euros.

Segundo sinala, un 32,18% desta cantidade irá destinada ao departamento de Servizos Sociais, que terá unha partida de 1.411.428 euros, a maior que se destinou ata o momento a estas tarefas durante todos os mandatos.

Cubela sitúa o investimento por habitante en 770 euros. Explica que neste 2023 se rexistra unha meirande achega por parte do goberno do Estado ao aumentar a poboación, con 157.000 euros máis que en 2022.

O alcalde considera que se trata dun orzamento "equilibrado, realista e que atende ás necesidades veciñais".  Asegura que a cifra destinada a Servizos Sociais responde aos parámetros de dependencia existente entre a veciñanza e a situación de crise actual.

En canto ao capítulo de investimentos propios parte dun importe inicial de 750.000 euros que permitirá realizar a achega municipal á execución do proxecto de construción da Residencia e centro de día de maiores en Carballedo, proxecto de case 4 millóns de euros. Tamén expón que se reserva diñeiro para a colaboración coas comunidades de usuarios de augas; a remodelación de locais veciñais; a recuperación do patrimonio etnográfico; remodelación do local da Banda de Cerdedo e a creación dun centro BTT, entre outros apartados.

Jorge Cubela indica que a administración local ten actualmente unha "débeda cero" ao non se ver obrigada a amortizar créditos por ter as contas "totalmente saneadas" e con autosuficiencia económica.

Segundo sostén, os orzamentos manteñen a supresión do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras; ademais de conxelar a maioría de taxas vixentes como o Imposto de Bens Inmobles ou o de Vehículos de Tracción Mecánica, entre outros.