400 empresas daranse cita na Deputación para contratar o seu bolseiro

Pontevedra
23 de setembro 2014

400 empresas de toda a provincia daranse cita o luns na Deputación de Pontevedra para proceder á sinatura dos convenios que lles van permitir contar con algúns dos 500 bolseiros do Plan de Práctica Laboral que este martes culminaron o proceso de elección de destino

Plan de práctica laboral da Deputación
Plan de práctica laboral da Deputación /

400 empresas de toda a provincia daranse cita o luns na Deputación de Pontevedra para proceder á sinatura dos convenios que lles van permitir contar con algúns dos 500 bolseiros do Plan de Práctica Laboral que este martes culminaron o proceso de elección de destino.

Na xornada de hoxe foron preto de 200 titulados universitarios de 45 especialidades os que tiveron ocasión de elixir a empresa na que van a ter a súa primeira oportunidade laboral e fixérono, ademais, con gran satisfacción, porque todos terán ocasión de traballar na empresa que era a súa opción preferente.

Coas bolsas adxudicadas nestes días, son xa máis de 1.000 persoas as que nestes momentos teñen ocasión de traballar con bolsas da Deputación.

Aos 500 desta segunda tanda hai que sumar aos 500 que comezaron a súa bolsa en xaneiro e que rematarán a finais de decembro, a trintena de titulados en especialidades relacionadas co turismo e que xa seleccionaron empresa no verán e as bolsas postas en marcha para titulados con discapacidade.

SUPLENTES E VACANTES

Unha vez finalizado o proceso de selección, a Deputación pon en marcha o proceso para tratar de cubrir todas as prazas que quedaron vacantes ou para as que non existen candidatos.

Así, entre mércores e xoves cubriranse cos suplentes de cada especialidade as prazas que quedaron vacantes como consecuencia da renuncia dalgúns bolseiros, ben porque felizmente xa atoparon un traballo (como foi o caso dunha arquitecta e dun veterinario que hoxe tiñan que elixir empresa pero que xa están traballando); ben por que o bolseiro tiña posibilidade de elixir prazas en diferentes titulacións, entre outros motivos.

A elas súmanse 23 prazas que non poderán ser cubertas con suplentes, por non existir candidatos.

Neste caso, as empresas terán ocasión de elixir unha titulación diferente que se adapte ao perfil que precisan.

Na maioría dos casos, as vacantes sen candidatos correspóndense á rama de informática e novas tecnoloxías, con 10 prazas sen cubrir, seguida da titulación de Farmacia, na que se ofertan cinco prazas para as que nestes momentos non hai candidatos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora