400 particulares solicitaron autorización para montar os seus "xantares" na Festa da Batalla de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
19 de agosto 2014

O evento vai desenvolverse o domingo 24 de agosto ás beiras do río Verdugo, dentro da celebración da Festa da Batalla da Guerra da Independencia

Xantares particulares na Festa da Batalla de Ponte Caldelas
Xantares particulares na Festa da Batalla de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Catrocentos particulares, entre familias e grupos de amigos, xa retiraron a autorización nas oficinas municipais para poder montar as súas mesas para xantares e dispoñer dun cómodo espazo na zona comprendida entre a pasarela peonil de madeira e o antigo balneario durante a celebración da Festa da Batalla de Ponte Caldelas, na que se recrea a pasaxe da Guerra da Independencia. Este evento desenvolverase o domingo 24 de agosto a beiras do río Verdugo.

Segundo a organización desta festa, a cifra rexistrada sitúase nun volume similar ao da edición de 2013 e os solicitantes deberán adaptarse ao espazo asignado pola organización sen poder excederse no número de metros que ocupan. Os postos deberán ser de madeira ou estar cubertos con tecidos rústicos como o liño, o lenzo ou a tea de saco. Ademais, todos os comensais terán que estar vestidos de época histórica, con roupas ambientadas a principios do século XIX e deberá priorizarse o uso de materiais como barro ou porcelana tradicional.

Os comensais que precisen facer lume deberán facelo constar e será necesario o uso de carbón vexetal e contar con, polo menos, un extintor camuflado preto dos asadores. O incumprimento desta norma supoñería o precinto da mesa e do espazo.

Recoméndase, ademais, que se mollen as alpacas de palla e que non se usen como cadeiras ou mesas dos comensais.