A consellería de Infraestruturas adxudicou as obras para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-308, no tramo situado entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, no municipio de Sanxenxo.
Estes traballos contan cun investimento de máis de 420.000 euros e serán realizados por Construcciones Taboada y Ramos S.L. O inicio das obras realizarase en setembro para evitar que afecte o tráfico durante o verán e o prazo de execución é de seis meses.
A consellería indica que esta actuación céntrase en mellorar a seguridade nun tramo de concentración de accidentes dentro do marco de actuacións que a Xunta de Galicia desenvolve para eliminar os "puntos negros" da rede autonómica de estradas.
Unha das reformas máis esperadas neste traballo será a construción dunha glorieta no acceso á praia de Areas. Trátase dun punto perigoso no que non se eliminou a accidentabilidad, segundo indican desde a propia consellería. É unha zona na que existe un cambio de sentido con carril central de espera.
Ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de autobús, coa intención de que non interfiran ao tráfico en cada unha das paradas. Tamén se creará un tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de autobús ata o paso de peóns máis próximo.
Modificaranse as beirarrúas actuais nas interseccións do tramo co obxectivo de adaptalas á normativa de accesibilidade e reforzarase a sinalización de límites de velocidade, ademais de reforzar a sinalización dos pasos de peóns.
Ao tratarse dunha zona protexida para ciclistas pola Dirección Xeral de Tráfico, tivéronse en conta as peticións das asociacións de usuarios de bicicleta coa sinalización da presenza de ciclistas e a substitución das marcas previstas nas interseccións por unha ampliación das beirarrúas nos cruces.
A Xunta lembra que tamén se está executando outra actuación na estrada PO-308 nos concellos de Poio e Sanxenxo, entre O Covelo e o miradoiro da Granxa, que sumadas ao resto de actuacións nesta vía alcánzanse os 17 millóns de euros.