43 menores reciben atención na unidade temperá de Poio, que cumpre os seus primeiros tres meses

Poio
17 de xuño 2025

A unidade de atención temperá de Poio é un servizo gratuíto para as familias que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento nas crianzas menores de 6 anos

Celebración dos primeiros tres meses da unidade de atención temprana de Poio Concello de Poio

Poio conmemorou coas familias o Día da Atención Temperá, un servizo gratuíto que está en funcionamento desde hai tres meses no concello e que, desde que está operativo, xa ofrece atención a 43 menores de seis anos.

Os xardíns da Casa Rosada foron o escenario elixido para este acto, onde as familias se foron achegando para compartir experiencias e vivencias, e puxeron en común os importantes avances que xa perciben nos seus fillos.

O alcalde, Ángel Moldes, que participou nas actividades programadas xunto coas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, subliñou a "calidade asistencial" que ten este servizo social.

Nesta liña, Moldes engadiu que aínda que se puxo en marcha este ano "xa está a marcar a diferencia na vida de máis de 40 nenas e nenos menores de seis anos no noso concello".

Por iso, amosou o seu orgullo por un servizo "que supón un antes e un despois" para moitos nenos e nenas de Poio e para as súas familias.

A atención temperá é unha ferramenta para favorecer o desenvolvemento dos menores e unha oportunidade para familias que agora contan cun apoio esencial desde os primeiros anos de vida.

A unidade de atención temperá de Poio é un servizo gratuíto para as familias que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento nas crianzas menores de 6 anos.

Está financiado pola Consellería de Política Social, e conta cun equipo de profesionais conformado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica.

No servizo acompañan ás familias que teñen nenos e nenas con desafíos no desenvolvemento ou en risco de telos, cun enfoque centrado na familia.

Facilitan o movemento desde a motivación, apoiando cada paso e cada avance sen forzar. Na comunicación céntranse no vínculo, nas primeiras palabras, nos xogos e na emoción. Axudan tamén a fomentar a autonomía de cada neno.

E este traballo fano en equipo, coordinados non só con cada familia, senón tamén cos pediatras, co profesorado ou cos servizos sociais.