O Concurso de Escaparates de Nadal contará este ano coa participación de 47 establecementos comerciais de Pontevedra.
O certame, convocado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers, ten como obxectivo dinamizar o comercio local na campaña de Nadal, animando á xente a facer as súas compras; fomentar a cultura da innovación e a calidade no sector comercial, e embelecer as vitrinas da cidade con propostas orixinais e creativas.
Os 47 establecementos que participarán no concurso son Cinania, Doce Pontevedra, Trulock, Pequeñitos y Adorables, Óptica Olladas, Bowery Shop, Boutique Ángela, Novo Rumbo, Aviones de Papel, Óptica Lafuente, Aromara, Eco Pontevedra, A3 Papelería Técnica, Saponina, Café de Meira, Café Mónica, Joyería Pilar Álvarez, Librería Metáfora, Mage, Sunset Boulevard Pontevedra, Biotenda Xano, Pepa y Punto, Casa Verdún, Mardy Electrodomésticos, Saira, Moi Bo, Librería Tinteiro, Míster Babe, Mission Surf, Moma, A Moda Dabaixo, Mira Maruxa Óptica, Joyería Ferse, Ma Petite, Magdalena Sala, Entretelas, Ferse 1979, The Tree House, Soccerfactory Pontevedra, Silva, Alma Gemela, Delirious, Dequip (rúa Oliva), Dequip (rúa Gutiérrez Mellado), Delicious Bakery, Nalatcha e K-Pell.
O xurado do certame teráata o 26 de decembro para visitar e puntuar os decorados que exhiben as vitrinas, e estará conformado pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; o artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro, supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (emitirán un único voto conxunto).
As valoracións serán de 0 a 10 e deberán ter en conta a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.
Deste xeito, o xurado seleccionará 10 escaparates finalistas e, posteriormente, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro, quedará en mans do público a elección dos catro gañadores. As votacións serán a través da aplicación Easypromos (10, 6 e 3 puntos), á que se poderá acceder a través da cartelería con códigos QR. Tódolos participantes entrarán no sorteo de dez premios de 60 euros para gastar nos comercios concursantes.
Para os galardóns, a organización estableceu dúas categorías: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300, 800, 500 e 200 euros; e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes nos vales xa nomeados para gastar nos comercios inscritos. Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, indicou que "o alumnado do IES Luis Seoane xa comezou esta mesma semana a percorrer os establecementos comerciais participantes neste certame de escaparatismo coa finalidade de valorar cada un dos detalles e outorgar as respectivas puntuacións".