48 cultivadores exhiben as camelias máis emblemáticas no Recinto Feiral

Pontevedra
22 de febreiro 2025

Entregáronse 22 galardóns nesta edición, que continuará durante o domingo con obradoiros de xogos para público infantil, degustacións de TéAreeiro e unha mostra culinaria

Autoridades e premiados no Concurso Exposición da Camelia 2025 Deputación de Pontevedra

O Recinto Feiral de Pontevedra acolleu este sábado, 22 de febreiro, a entrega de premios da LX edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia, un evento que reúne a cultivadores e afeccionados desta flor emblemática das Rías Baixas.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, e a concelleira pontevedresa Eva Vilaverde. foron as persoas encargadas de entregar os 22 galardóns desta edición, que contou coa participación de 48 cultivadores.

“Os participantes puxeron o listón moi alto e demostraron, unha vez máis, que a provincia de Pontevedra é pioneira no aproveitamento da camelia, un símbolo da nosa terra con gran potencial para impulsar outros sectores produtivos e dinamizar a economía e o emprego”, destacou Domínguez durante o acto.

Por outra banda, Javier Tourís subliñou o labor da Estación Fitopatolóxica de Areeiro no fomento da camelia, destacando a súa implicación no cultivo e produción do TéAreeiro.

Entre os premiados, Begoña Franco recibiu a Camelia de Ouro polo mellor conxunto de ata 40 cultivares, mentres que Pilar Bargiela gañou o premio especial Antonio Odriozola pola flor individual máis fermosa, unha Camellia Botanyuki.

A Asociación O Souto de Rubiáns foi recoñecida co premio Especial da Sociedade Española da Camelia, destinado ao mellor concursante debutante.

Entrega do premio Camelia de OuroDeputación de Pontevedra

O evento, que naceu en 1965 nos salóns da Deputación de Pontevedra, consolidouse como o certame de camelia máis antigo do mundo, converténdose nun punto de referencia para cultivadores e afeccionados. Ademais da exposición e concurso, o Recinto Feiral acolleu obradoiros, degustacións e un mercadiño de artesanía.

Para este domingo 23 están previstas actividades como un obradoiro de xogos para público infantil, degustacións de TéAreeiro e unha mostra culinaria a cargo de Miguel Mosteiro, de Gastrolab.

CAMELIA, RECURSO TURÍSTICO

O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou durante o acto a consolidación da camelia como recurso turístico de relevancia en Galicia. “A Xunta deseñou produtos turísticos únicos en España para dar visibilidade á variedade da camelia e aos espazos que ocupa”, sinalou Merelles.

Un exemplo desta aposta é a Ruta da Camelia, que recentemente ampliou o seu itinerario a 19 lugares singulares entre Pontevedra e A Coruña, incluíndo xardíns de Excelencia Internacional e recursos turísticos asociados.

Ademais, o Tren Turístico da Camelia, que circulará o 8 e o 22 de marzo, achegará aos visitantes a algúns dos xardíns máis destacados.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que busca desestacionalizar a oferta turística e potenciar recursos como a camelia, que xa é un símbolo das Rías Baixas.

Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de GaliciaXunta de Galicia