Todo o paseo marítimo de Vilagarcía, entre a zona do piñeiral da praia da Concha e o Hotel Carril, contará cunha iluminación completamente renovada.
Será no marco dunha actuación que impulsa o goberno municipal de Vilagarcía e na que, procedentes dos fondos europeos Next Generation, investiranse uns 496.000 euros.
O novo deseño dos farois é obra do escultor local Elías Cochón.
Trátase do deseño "Seabird", que conta con dous modelos: un de dobre brazo e 7,5 metros de altura; e outro de brazo único, de 6 metros.
As novas luminarias, segundo as estimacións do Concello, permitirán aforrar uns 17.000 euros anuais no gasto de electricidade e reducir en 26 toneladas as emisións de CO2.

As empresas interesadas en realizar estes traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses, poderán presentar as súas ofertas até o próximo 24 de novembro.
Esta iluminación, destaca o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, cambiará "por completo" a imaxe do paseo marítimo, ao introducir un modelo de luminarias "exclusivo, diferencial e que ademais é de alta eficiencia enerxética".
O goberno local considera "fundamental" este proxecto, tamén a nivel estético, xa que "realzará" o paseo como un dos lugares máis representativos e concorridos de Vilagarcía.
De feito, xa hai contemplada unha segunda fase, na que se estenderá este deseño ás zonas que restan, é dicir, até o peirao de Carril, e no outro sentido, até o final do Ramal, unha vez se execute a recuperación deste espazo para a cidadanía.
Isto quere dicir que ambas as zonas manterán durante un tempo máis a iluminación actual, á espera de poder acometer a segunda fase do proxecto.