58 paradas en dúas liñas circulares e unha lanzadeira conectarán o transporte en Sanxenxo

Sanxenxo
18 de xuño 2024

O sistema comezará a funcionar esta fin de semana despois de que Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, e Judit Martín, directora xeral de Mobilidade, probaran a liña lanzadeira. Este sistema de conexión estará operativo ata o 8 de setembro

Proba do bus lanzadeira no polígono de Nantes
Proba do bus lanzadeira no polígono de Nantes / Concello de Sanxenxo

Día de probas en Sanxenxo. O alcalde Telmo Martín e Judit Fontela, directora xeral de Mobilidade da Xunta, testaron o tempo estimado por traxecto do sistema establecido para o transporte urbano na vila turística durante este verán.

Cada traxecto marca quince minutos de ida e outros quince de volta.

A intención do goberno local é que esta fin de semana entren xa en funcionamento a lanzadeira e dúas liñas circulares de autobús cun total de 58 paradas. Un sistema que se mantería activo ata o 8 de setembro.

A saída e a chegada dos autobuses establécese no parque empresarial de Nantes.  O bus partiu no percorrido deste martes da parcela ás 12:30 realizou outra parada no vial de entrada ao parque empresarial e partiu cara á rotonda do Hotel Terraza para logo dirixirse á rotonda de Baltar e volver ao momento de partida.

O Concello tamén está a habilitar unha parcela municipal de 10.000 metros cadrados na que habería cabida para máis de trescentos vehículos. A intención é que se converta en estacionamento público e gratuíto que permita á poboación subirse ao bus lanzadeira. A frecuencia das viaxes será de trinta minutos.

Ao mesmo tempo poñeranse en marcha as dúas liñas circulares con 58 paradas. 

Unha liña será interior e a outra circulará polo litoral, ambas as recorrerán as parroquias de Adina, Nantes, Noalla, Vilalonga e Padriñán, con saída e chegada á igrexa de Sanxenxo.

Judit Fontela explicaba que "dentro das políticas da mobilidade da Xunta de Galicia buscamos reducir o uso do vehículo privado e fomentar o transporte público con iniciativas como esta que é posible grazas a un convenio entre a Xunta, o Concello e Monbus".

Pola súa banda, Telmo Martín, tamén manifestaba que Sanxenxo "quere apostar unha vez máis coa colaboración da Xunta por unha mobilidade sostible e que axude a reducir o tráfico particular no municipio durante a tempada estival".

O sistema acóllese aos descontos de transporte público da Xunta. O prezo do billete sen desconto é de 1,55 euros. Tanto nos buses lanzadeira como nas liñas circulares existe a opción de utilizar as tarxetas de desconto, a TMG, e no caso de menores de 21 anos e maiores de 65 teñen a posibilidade de realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes.