O Concello de Soutomaior inicia o proceso de licitación do ecoparque empresarial da Montesiña, unha infraestrutura que terá capacidade para máis de 60 empresas e que se perfila como un dos proxectos máis transformadores da economía local nos últimos anos, segundo apuntan desde o goberno local.
Situado na área de transición entre as parroquias de Arcade e Soutomaior, este parque empresarial urbanizará unha zona estratéxica e servirá como elemento vertebrador entre as dúas únicas parroquias do municipio, funcionando como unha ponte que reforzará a cohesión territorial.
Segundo explicou o alcalde, Manu Lourenzo, o interese empresarial polo proxecto é notable dende o primeiro momento do seu anuncio.
"En Soutomaior témolo todo, temos potencial e capacidade emprendedora", destacou o rexedor, quen subliñou que esta infraestrutura responde a unha necesidade que Soutomaior levaba moito tempo agardando.
O proxecto, que se desenvolverá por cooperación, revalorizará terreos que actualmente teñen catalogación agraria, transformándoos en espazos habilitados para a construción de naves empresariais.
Esta reconversión permitirá tanto o crecemento de empresas locais como a captación de novas compañías atraídas pola localización estratéxica do municipio.

Este proxecto "vai permitir que as empresas de Soutomaior e o potencial emprendedor teñan un lugar no que asentarse", explicou Lourenzo, engadindo que o ecoparque ofrecerá "un espazo ben comunicado cunha situación estratéxica inmellorable" para aquelas empresas que busquen un lugar onde emprender os seus negocios.
Dende o goberno local destacan que esta iniciativa suporá un "crecemento exponencial" para o tecido económico de Soutomaior, consolidando o municipio como un punto de referencia empresarial na comarca.