A marcha solidaria coas doazóns coñecida como 'Pontevedrada' crece cada ano e este sábado máis de 600 persoas, vestidas con camisetas vermellas, iniciaron a camiñada cara a Santiago de Compostela co obxectivo de concienciar e sensibilizar a todos os cidadáns da grande importancia que ten a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos para salvar vidas.
Unha vez máis, na marcha non só participaron pontevedreses senón que se achegaron camiñantes procedentes de Cantabria, Canarias, Cataluña, Portugal e Suíza. O percorrido nocturno realízase a pé ao longo de 63 quilómetros seguindo o tramo polo Camiño de Santiago portugués ata chegar á Praza do Obradoiro realizando breves paradas en Barro, Caldas de Reis, Valga e Padrón.
Ao longo de toda a ruta, a organización conta con varios vehículos para asistir aos participantes e non é obrigatorio completar o percorrido. Os camiñantes, ademais, participan nun sorteo de obsequios doados solidariamente por empresas e institucións.
A marcha pódese seguir a través do hastag de Twitter: #pontevedrada2014