O micólogo Jaime Blanco Dios, presidente da asociación micológica Brincabois, é o primeiro candidato na categoría de persoas físicas en ser proposto para o premio "Cidade de Pontevedra".
A súa candidatura foi presentada pola Asociación Andaríns do Val do Lérez, que esgrime o traballo desenvolvido nos últimos tempos por este experto micólogo e, sobre todo, o descubrimento de varias especies novas ás que adxudicou o "apelido" pontevedrés no seu nome científico.
Igualmente, outra asociación, Amigos da Pontevedrada presentou como aspirante a este recoñecemento na categoría persoas xurídicas á Pontevedrada, unha marcha nocturna ininterrompida de aproximadamente 63 quilómetros que transcorren polo Camiño de Santiago Portugués dende a cidade do Lérez ata Santiago de Compostela. Pretende concienciar a poboación da grande importancia que ten a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.
Os premios Cidade de Pontevedra entréganse o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, no Teatro Principal.