O Cine-Club eleva a seis as candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
09 de xaneiro 2015

A candidatura é unha proposta da asociación cultural Xen na modalidade de persoa xurídica. Nesta mesma categoría tamén son candidatos a asociación Cristóbal Colón Galego 'Celso García de la Riega e a asociación Amigos de la Pontevedrada. Na modalidade de persoa física os candidatos son Adrián Esperón Vidal, Antón Sobral Iglesias e Jaime Bernardo Blanco Dios

Entrega dos premios Cidade de Pontevedra 2013
Entrega dos premios Cidade de Pontevedra 2013 / Mónica Patxot

Seis candidaturas optan aos premios Cidade de Pontevedra na súa edición 2014 despois de que chegase ao Concello unha nova proposta, a do Cine-Club Pontevedra. Presentouse dentro de prazo, pero non se deu a coñecer o mesmo día en que se fixeron públicas as outras cinco porque se presentara no Rexistro da Subdelegación do Goberno e chegou máis tarde ás dependencias municipais. 

Segundo informou o Concello, a candidatura do Cine-Club é unha proposta da asociación cultural Xen na modalidade de persoa xurídica. Nesta mesma categoría tamén son candidatos a asociación Cristóbal Colón Galego 'Celso García de la Riega' (a proposta do Centro Comercial Urbano Zona Monumental) e a asociación Amigos de la Pontevedrada (a proposta deles mesmos). 

Na modalidade de persoa física os candidatos son Adrián Esperón Vidal (a proposta do Casino Mercantil e Industrial), Antón Sobral Iglesias (a proposta da asociación cultural Ateneo de Pontevedra) e o micólogo e presidente da asociación Brincabois, Jaime Bernardo Blanco Dios. Este último é proposta da asociación Andarís do Val do Lérez e conta co apoio das asociacións de veciños de Eduardo Pondal, O Castro-Mourente e San Roque; da asociación sociocutural Cedofeita, da comunidade de montes de Lourizán, do CEIP San Benito de Lérez e do Club de Taekwondo Mace Sport.

O xurado cualificador dos premios reunirase o vindeiro martes 13 de xaneiro ás 13.00 horas na sala de comisións do Concello. Os premios entregaranse o próximo 20 de xaneiro, día de San Sebastián, no Teatro Principal.