Arte e ciencia xúntanse na entrega dos Cidade de Pontevedra a Jaime Dios e ao Cine Club

Pontevedra
20 de xaneiro 2015

A arte e a ciencia déronse a man na entrega dos premios Cidade de Pontevedra. O micólogo Jaime Dios Blanco e o Cine Club Pontevedra recibiron este martes, coincidindo coa festividade de San Sebastián, os seus galardóns na modalidade de persoa física e xurídica, respectivamente. Foi no transcurso dun Pleno de honras da corporación municipal, celebrado no Teatro Principal

Entrega dos premios Cidade de Pontevedra a Jaime Dios e o Cine Club
Entrega dos premios Cidade de Pontevedra a Jaime Dios e o Cine Club / Mónica Patxot

A arte e a ciencia déronse a man na entrega dos premios Cidade de Pontevedra. O micólogo Jaime Dios Blanco e o Cine Club Pontevedra recibiron este martes, coincidindo coa festividade de San Sebastián, os seus galardóns na modalidade de persoa física e xurídica, respectivamente. Foi no transcurso dun Pleno de honras da corporación municipal, celebrado no Teatro Principal.

O acto de entrega dos premios Cidade de Pontevedra iniciouse coa entrada no Teatro Principal do gaiteiro ÿscar Ibáñez, que acompañou cunha peza musical á comitiva integrada pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e polos dous premiados nesta edición, que recibiron de mans do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a entrega do diploma acreditativo do premio e o tradicional Teucro de prata.

Jaime Blanco afirmou sentirse "honrado" por recibir este premio e agradeceu o apoio recibido por todas as asociacións e colectivos que apoiaron a súa candidatura. O presidente da Asociación Brincabois reivindicou no seu discurso a importancia do seu ámbito de traballo para descubrir "seres vivos descoñecidos para a ciencia", como os sete fungos e a planta descubertas por este colectivo, bautizadas cos nomes de Pontevedra e Lourizán.

Aproveitou ademais para reclamar a creación en Galicia dun centro público que sexa referencia na divulgación e investigación micolóxica, un traballo, dixo, que suplen colectivos como o seu "cos nosos cartos". Esta carencia, sinalou, é unha mostra da "precariedade" investigadora na comunidade. Tamén pediu a creación da figura do inspector micolóxico "que garantan que os cogumelos que se recollen son aptos para o consumo humano".

O premio ao Cine Club Pontevedra recolleuno, pola súa parte, Ana María Fernández, directiva dende o ano 1978. Tras facer un repaso polos sesenta anos de traxectoria na cidade, durante o que destacou o traballo dos directivos que estiveron á fronte deste e os numerosos ciclos de cine que foron organizando, tamén optou por un ton reivindicativo, no seu caso pola falta de medios coa que traballan.

Asegurou que o Cine Club necesita espazo físico para albergar, entre outros, a súa biblioteca e a maquinaria que empregan para as súas proxeccións, así como un "espazo inmaterial" de debate e difusión. Celebrou que este premio lles axude neste sentido, "porque somos pouco coñecidos por esta falta de medios", aínda que alertou de que esta situación fai perigar "toda a documentación" da asociación, polo que pediu a colaboración das institucións.

UNIÿN DA ARTE E A CIENCIA

Miguel Anxo Fernández Lores destacou na súa intervención que os premios deste ano reuniron "dúas dimensións sen ás que o ser contemporáneo non podería vivir: a arte e a ciencia", que xunto co resto de candidatos "nos falan dunha fecunda cidade, que vai camiñando ao seu ritmo, dinámica e decidida, pola senda dos tempos difíciles que atravesamos, tratando de mirar ben alto e de converter en boas todas as oportunidades que se lle presentan para un futuro mellor".

Foron dous premios, dixo, á investigación científica e á divulgación cinematográfica, que "comparten este ano" co premio Hábitat que a ONU concedeu a Pontevedra e que, sinalou, " se outorga aos pontevedreses e pontevedresas polo afán que nos últimos anos puxeron en transformar esta cidade nun referente de calidade de vida, demostrando que xuntos podemos plantexarnos grandes retos".

Entre outras autoridades, asistiron a este Pleno de honras o xeneral da Brilat, Luis Cebrián; o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa; ou os presidentes da Cámara de Comercio, a Asociación de Jóvenes Empresarios e AMPE, Eduardo Barros, Lucía Pedroso e José María Corujo, respectivamente.

A sesión concluíu coa interpretación, a cargo de ÿscar Ibáñez, do himno de Galicia.