61 toneladas de forraxe para os gandeiros de Ponte Caldelas afectados polos incendios

Ponte Caldelas
31 de outubro 2017

Unha empresa, dúas asociacións agrarias e uns veciños de Vigo a título particular achegaron as 63 toneladas de forraxe que o Concello de Ponte Caldelas vén de repartir entre gandeiros locais afectados polos incendios forestais

Forraxe que entregará Ponte Caldelas aos seus gandeiros Concello de Ponte Caldelas

Unha empresa, dúas asociacións agrarias e uns veciños de Vigo a título particular achegaron as 63 toneladas de forraxe que o Concello de Ponte Caldelas repartirá entre gandeiros locais afectados polos incendios forestais.

O alcalde, Andrés  Díaz, supervisou a descarga dos dous últimos tráileres e prepara xa a entrega aos destinatarios finais que se vai facer este mércores, a partir das 16 horas, nas instalacións da Hípica Amazonas, onde está almacenado todo o material.

Estímase que preto de 30 gandeiros, con explotacións de moi diverso tamaño, vanse beneficiar desta axuda municipal, totalmente gratuíta, e gracias á solidariedade chegada dende diferentes puntos de Galicia.

Os beneficiarios serán recibidos polo alcalde previamente, quen lles explicará os criterios para un reparto que non é nada sinxelo, pois a forraxe é de tres tipos distintos e chega tamén en tres formatos diferentes que resultan difíciles de dividir.

"Seremos flexibles ata o humanamente posible, pero tamén quero dicir que hai que ser agradecidos e que se hai forraxe gratis nestes días en que anda a prezo de ouro, é porque hai persoas sensibles na nosa Galicia", sinalou o alcalde.

O Concello estima que os trinta gandeiros locais dispoñen de 236 cabezas de gando (estimando como unidade unha vaca ou un cabalo e facendo equivalencia con cada seis ovellas ou cabras). O criterio para facer o reparto será o número de cabezas por gandeiro, tendo tamén en conta que dependendo do tipo de gando resulta idóneo un tipo concreto de forraxe.

Andrés Díaz agradece a todos os doantes a súa sensibilidade con Ponte Caldelas. En concreto, Forrajes Salnés doou 4 toneladas; uns veciños de Vigo que non queren ser identificados, outras 2 toneladas; a asociación de gandeiros de Lugo, Agromuralla, 17 toneladas, e, finalmente, a cooperativa de Produtores de Leite de Galicia, Prolega, con sede en Ferrol, outras 61 toneladas.

O Concello dispón así de 63 toneladas que se reparten en 24 pacas de herba seca, 34 rulos de dous tamaños diferentes e, finalmente, 61 bolas de silo -herba verde fermentada idónea para a alimentación do gando vacún-.