70.000 euros para mellorar os camiños da Fonte e do Cruceiro en Samieira

Poio
25 de xuño 2026

O proxecto de pavimentación no lugar de Arén finánciase cunha axuda autonómica e con fondos sobrantes das obras do parque de Ánkar

Camiños de Arén en Samieira
Camiños de Arén en Samieira / Concello de Poio

O Concello de Poio iniciou os trámites administrativos para comezar o proceso de contratación das obras de acondicionamento e pavimentación nos camiños da Fonte e do Cruceiro, situados no núcleo de Arén, na parroquia de Samieira.

O proxecto técnico dispón dun orzamento global que rolda os 70.000 euros e ten como obxectivo renovar o firme e incrementar as condicións de seguridade viaria e accesibilidade nestes viais públicos.

Os traballos programados pola administración local consisten no fresado do pavimento actual para regularizar a rasante do terreo, a retirada e limpeza dos cordóns de terra vexetal acumulados nas marxes do camiño e o posterior estendido dunha nova capa de aglomerado asfáltico en toda a superficie de ambas as dúas vías.

A Xunta de Goberno aprobou esta semana o expediente para abrir o concurso de adxudicación.

Para completar o plan económico do proxecto, o Concello conta cunha subvención da Xunta de Galicia encadrada nas axudas autonómicas para a mellora de camiños rurais de titularidade municipal.

A contía restante correspondente á achega da administración local someterase a votación no Pleno ordinario deste mes.

Estes fondos municipais proceden do remanente económico sobrante da execución do Parque de Cristóbal Colón en Ánkar, polo que a actuación se executará sen necesidade de aumentar o gasto público global previsto no orzamento.

Marcial García, concelleiro de Obras e Servizos Municipais, explicou os criterios de prioridade do executivo local respecto destas tarefas de mantemento na contorna rural, sinalando que "para o Goberno son tan importantes as grandes inversións que están a transformar Poio como estas actuacións de proximidade, que teñen unha incidencia directa na calidade de vida dos veciños e veciñas e na mellora do seu día a día".