750 pacientes son atendidos cada ano na Unidade de Tabaquismo do Complexo Hospitalario

Pontevedra
31 de maio 2018

Profesionais de Pneumoloxía prestan consulta de forma semanal e ocúpanse da detección de monóxido de carbono en aire expirado mediante a técnica de Cooximetría. A metade dos fumadores morren prematuramente, cunha media de 14 anos menos que os non consumidores de tabaco

Día sen tabaco no Hospital Montecelo Complexo Hospitalario de Pontevedra

Este xoves 31 conmemórase o Día Mundial sen Tabaco e a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés súmase aos actos que se celebran internacionalmente coa instalación de mesas informativas nos hospitais Montecelo, Provincial e O Salnés para fomentar os hábitos saudables e estimular ao abandono do vicio de fumar.

O servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dispón dunha Unidade de Tabaquismo integrada pola pneumóloga Guadalupe González, unha profesional con formación específica nesta disciplina, e por unha enfermeira que atende semanalmente catro novos casos e 12 revisións. Desta forma aténdense ao redor de 750 pacientes ao ano.

Durante a consulta execútase a determinación de monóxido de carbono en aire expirado do paciente mediante a técnica Cooximetría, na que se detecta a perda na capacidade de osixenación da hemoglobina. Na consulta tamén se realiza a terapia cognitivo-conductual e se prescribe o tratamento médico, habitualmente terapias substitutivas con nicotina como parches, chicles e pastillas de nicotina, vareniclina e bupropion.

Os estudos mostran que un 50% de fumadores falecen prematuramente e teñen unha esperanza de vida de ao redor de 14 anos menos que a media.

Os pneumólogos do Complexo Hospitalario aconsellan fixar unha data de para deixar de fumar e establecer como meta levantarse cada día co obxectivo de non fumar durante toda a xornada.