792.000 euros da Deputación para que Cambados financie a reforma do Pazo Torrado e os seus xardíns

O Salnés
17 de xuño 2025

O proxecto rehabilitará todas as edificacións, xardíns, anexo e peches da finca. A funcionalidade do edificio está moi prexudicada polas deficiencias e o mal estado de conservación

Luis López e o alcalde de Cambados, Samuel Lago
Luis López e o alcalde de Cambados, Samuel Lago / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

A través dun acordo no marco do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, o Concello de Cambados poderá financiar integramente a reforma e posta en valor do Pazo Torrado e os seus xardíns.

O convenio, asinado este martes polo presidente provincial, Luis López, e o alcalde, Samuel Lago, suporá un investimento de 792.000 euros.

É un apoio económico que, segundo sinalou López, permitirá recuperar para a veciñanza un espazo de alto valor patrimonial localizado no corazón da vila.

O pazo Torrado está situado no núcleo de Fefiñáns e consta de varios edificios: o pazo, o xardín con hórreo, pombal e construción anexa; a finca, con xardín, praza e parque infantil; e un módulo de aseos e anexo cuberto.

O proxecto ten por obxecto a rehabilitación de todas as edificacións, xardíns, anexo e peches da finca.

Actualmente a funcionalidade do edificio está moi prexudicada polas deficiencias e o mal estado de conservación, polo que é precisa unha renovación completa do espazo xunto coa renovación dos servizos de toda a parcela.

Deste xeito, no pazo efectuarase a renovación total da carpintería exterior e tarimas, a mellora da envolvente térmica, a renovación e illamento da cuberta; a revisión estrutural, a dotación de instalacións axeitadas e a renovación completa da iluminación.

No xardín realizaranse actuacións sobre o sistema de iluminación, e de conservación no hórreo, no pombal, nos alpendres e nos anexos, así como a revitalización das especies vexetais.

A renovación dos aseos do parque incluirá ademais os acabados carpinteira, o pìntado e tamén a substitución parcial do muro perimetral.

A colaboración da Deputación co Concello de Cambados non se limita unicamente ao Plan Extra.

O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 1,8 millóns de euros a través de programas do servizo de cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.