O Sergas asumirá o centro de saúde de Cambados que estaba sendo sufragado polo Concello

O Salnés
27 de maio 2025

A Consellería de Sanidade tomará o control da infraestrutura en xuño, liberando ao Concello dun gasto anual de mantemento. O alcalde Samuel Lago tivo un encontro co conselleiro Gómez Caamaño

Centro de Saúde de Cambados
Centro de Saúde de Cambados / Google Maps 2025

A Consellería de Sanidade asumirá a titularidade e todos os gastos de mantemento do centro de saúde de Cambados, poñendo fin a unha situación que durante anos supuxo unha carga económica para as arcas municipais de máis de 70.000 euros anuais, segundo o Concello.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, saíu "moi satisfeito" da reunión mantida este luns co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que participaron tamén a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.

"Realmente, xa tiñan atendida a nosa petición, xa tiñan decidido que podían facerse cargo do Centro de Saúde ao finalizar o período de concesión por parte de Portos de Galicia", explicou Lago tras o encontro, cualificando a situación actual como "anómala".

Por unha banda, o rexedor destacou que "finaliza a concesión do Porto e, polo tanto, non ten sentido que esta concesión a renove o Concello, senón que se debería tramitar xa a partir do 28 de xuño a nome do Sergas". Por outra, subliñou que "o concello estaba asumindo unha competencia impropia co engadido de que asumíamos servizos que se prestaban a outros concellos" da contorna de Cambados.

O centro de saúde atópase actualmente nun edificio propiedade de Portos de Galicia, cedido ao Concello en réxime de concesión. Esta peculiar situación, que se remonta a décadas atrás, provocou que o municipio tivese que asumir os gastos de mantemento e conservación dunha infraestrutura que presta servizos autonómicos e que, ademais, non só atende á poboación cambadesa.

De feito, o centro ten adscritas 15.751 tarxetas sanitarias e o seu Punto de Atención Continuada (PAC) dá servizo tamén aos concellos limítrofes da Illa de Arousa, Meis e Ribadumia, englobando un total de 28.000 tarxetas. Ademais, o centro alberga servizos complementarios como os de matrona e nutricionista que tampouco son exclusivos para a cidadanía de Cambados.

O conselleiro de Sanidade confirmou que, unha vez finalice a concesión actual en xuño, o Sergas iniciará os trámites oportunos para xestionar directamente o centro de saúde.

"Acordaron que a partir do 28 de xuño iniciarían os trámites para que o edificio pase a ser titularidade da comunidade autónoma, pase a ser titularidade do Sergas e se fagan cargo íntegramente de todos os gastos de conservación e mantemento que ata agora viña asumindo o concello de Cambados", explicou o alcalde.

O rexedor avanzou que o Concello formalizará por escrito esta cesión "mañá mesmo", renunciando a calquera acción para que o Sergas poida facerse cargo directamente da instalación sanitaria. 

O centro de saúde de Cambados conta actualmente con 9 médicos de familia, 11 enfermeiros, 3 pediatras, 3 auxiliares de enfermería, 4 auxiliares administrativos, 1 farmacéutico, 1 odontólogo, 1 hixienista, 1 matrona, 2 celadores e 2 fisioterapeutas, un cadro de persoal que seguirá prestando os seus servizos baixo a xestión directa do Servizo Galego de Saúde.