8.000 persoas percorreron este 2018 o Camiño portugués da Costa

Pontevedra
21 de agosto 2018

Trátase dun traxecto que foi recoñecido oficialmente hai dous anos e que dende entón multiplicou por cinco a presenza de peregrinos. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizaba este martes un tramo desta ruta

Nava Castro, directora de Turismo, realiza un traxecto do Camiño Portugués da Costa
Nava Castro, directora de Turismo, realiza un traxecto do Camiño Portugués da Costa / Xunta de Galicia

En 2016, o Camiño Portugués da Costa lograba a distinción oficial e era recoñecido como itinerario xacobeo, grazas á entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia. Desde entón o número de peregrinos foise multiplicando pasando de 1.474 persoas en 2015 a preto de 8.000 que realizaron este traxecto neste primeiros oito meses de 2018, superando o volume de peregrinos que percorreron esta ruta en 2017. Desta forma, multiplícase por cinco o número de visitantes que levaron a cabo a nova ruta xacobea e trátase do sexto itinerario máis percorrido, concentrando ao 3,7% dos camiñantes.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, percorría este martes un tramo deste Camiño en Baiona destacando estes datos e apuntando que no Plan director do Camiño de Santiago está prevista a sinalización e mellora deste trazado coa construción dun albergue en Vigo e a realización de actividades divulgativas e culturais. 

Nava Castro fixo referencia ao programa de artes escénicas Vive o Camiño, que ofrecerá espectáculos o mércores 22 en Soutomaior; o xoves 23 en Vilaboa; o luns 27 en Pontevedra; o martes 28 en Barro e o mércores 29 en Caldas de Reis, entre outros lugares.

Desde a Xunta de Galicia anúnciase tamén a xestión do Camiño de Santiago a través de iniciativas como o proxecto europeo Facer Caminho, coa idea de impulsar esta proposta na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través dun aproveitamento sustentable.