O 86% do Polígono de Barro xa está ocupado e só permanecen liberadas dez parcelas

Barro
17 de outubro 2025
Actualizado: 15:22

Este venres, a Deputación de Pontevedra aprobaba a constitución dun dereito de superficie sobre dúas parcelas que irán destinadas á empresa Valquin. Tamén aprobaba a mellora da EP-9208 en Sanxenxo

Nave no polígono de Barro
Nave no polígono de Barro / Concello de Barro

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha batería de acordos centrados na dinamización económica, o emprego e a mellora da infraestrutura provincial.

Luis López, presidente da Deputación, anunciaba que foi aprobada a constitución dun dereito de superficie con opción de compra sobre dúas parcelas (A27 e A28) no polígono de Barro por un importe aproximado de 15.000 euros para os próximos cinco anos. A parcela irá destinada á empresa comercial Valquin.

O polígono conta, segundo a Deputación, con 29 empresas instaladas, o que supón unha ocupación do 86% e actualmente só 10 parcelas permanecen libres.

López afirmou que é un "éxito" a situación deste polígono estratéxico, que se sitúa a dez minutos de Pontevedra, a 15 de Sanxenxo e a 45 de Santiago de Compostela. Indicou que a Deputación seguirá traballando para dinamizar a actividade empresarial neste enclave.

Por outra banda, destináronse preto de 70.000 euros para financiar custos salariais de unidades de apoio e postos de coordinación en oito centros especiais de emprego da provincia dentro das axudas a colectivos que traballan con persoas con discapacidadeñ

Entre as entidades beneficiarias figuran a Asociación de Discapacitados Intelectuais "Virxe da O" de Pontevedra; ademais de Autismo Bata e Servilar, con sede en Vilagarcía de Arousa. As contías das axudas varían segundo o número de persoas contratadas.

Aprobáronse tamén as bases dunha segunda convocatoria para campionatos e eventos deportivos dotada con 100.000 euros para atender solicitudes pendentes tras esgotarse a primeira liña de 120.000 euros (que beneficiou 148 entidades).

A nova convocatoria aspira a atender unhas 85 solicitudes que quedaban pendentes. Estas axudas, de concesión directa, alcanzan un máximo de 1.000 euros e cobren dúas liñas: bens (medallas, trofeos, camisetas, material promocional) e servizos (cronometraxe, asistencia sanitaria, montaxe, seguridade, arbitraxe). O prazo de solicitude remata o 30 de novembro.

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra

OBRAS DE MELLORA ENTRE NOALLA E AIOS

A Xunta de Goberno da Deputación aprobaba tamén este venres o expediente para contratar as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada EP-9208 en Sanxenxo, entre Noalla e Aios, cun orzamento cercano a 1,2 millóns de euros.

A financiación proxectada é do 80% pola Deputación (uns 951.000 euros) e do 20% polo Concello de Sanxenxo (uns 240.000 euros).

As actuacións inclúen un itinerario peonil de 960 metros, senda de 2,5 metros de ancho, redistribución do espazo viario, renovación e relocalización de paradas de autobús, pasos de peóns elevados, renovación da rede de drenaxe, mobiliario urbano e outras medidas de accesibilidade.

CONVENIO CON PONTE NAS ONDAS

Para promover o patrimonio inmaterial, Luis López anunciou a sinatura dun convenio de colaboración dotado con 15.000 euros coa asociación Ponte nas Ondas, única coa acreditación da Unesco na provincia para a promoción e transmisión do patrimonio cultural e inmaterial.

Entre as accións previstas figuran a celebración do Día Mundial do Patrimonio Cultural e Inmaterial o luns 14 de novembro en Valladares (Vigo) e obradoiros de radio, edición de podcast e divulgación do patrimonio en 10 centros escolares, con inicio previsto o luns 20 de outubro no Concello de Mos.

BALANCE DO PLAN +PROVINCIA

A Deputación deu por distribuídos o 100% dos fondos do Plan +Provincia 2025, que suman 48,2 millóns de euros.

Destacan os 35,4 millóns da liña 1 de investimentos que permitirían executar ata 350 obras por un valor estimado de máis de 75,1 millóns de euros en 59 concellos, así como a contratación prevista de 660 persoas no marco da liña 3 de emprego.

O plan inclúe actuacións en rede viaria, saneamento, humanizacións, instalacións deportivas, parques e xardíns, melloras de abastecemento, eficiencia enerxética e accesibilidade.

Luis López sinalou, ao remate da rolda de prensa, a aposta que a entidade provincial está a facer pola promoción da provincia como escenario de rodaxes, destacando a ruta de cine pola provincia con representantes de Netflix, Sony Pictures, Marvel Studios, Warner Bros e Atresmedia, contactados en Fitur, coa intención de que se poidan desenvolver gravacións cinematográficas en diferentes puntos da provincia.

O obxectivo, segundo o presidente provincial, é captar máis producións pola súa repercusión económica e no emprego local, ademais de seguir potenciando as Rías Baixas como destino turístico.