87 novos casos positivos na área sanitaria Pontevedra - O Salnés durante as últimas 24 horas

Pontevedra
21 de novembro 2020
Actualizado: 19:00

Dúas persoas falecían durante a última xornada subindo a cifra de mortos por esta enfermidade na zona sanitaria a 47 mortos por covid-19. Este sábado 21 hai 4.934 persoas infectadas na área con 53 pacientes hospitalizados en planta e 6 persoas que permanecen na Unidade de Coidados Intensivos

Persoas camiñando con máscara protectora polas rúas de Pontevedra
Persoas camiñando con máscara protectora polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

Nas últimas horas falecían dúas persoas na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés como consecuencia da enfermidade de covid-19. A cifra ascende a 47 falecidos nesta zona desde o inicio da pandemia.

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas confirmáronse 87 casos en probas PCR, que sitúa o número de infeccións en 4.934. 

Hai 53 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización, 46 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 4 no Hospital do Salnés. A esta cifra hai que sumar 6 pacientes con coronavirus que permanecen na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

Un total de 1.183 persoas que deron positivo en covid se atopan evolucionando nas súas casas e o número total de casos activos na área sanitaria ascende a 1.242

Durante as últimas 24 horas realizáronse 1.029 probas PCR, que se engaden ás 83.433 xa realizadas desde que comezou a pandemia. 

No Concello de Pontevedra detectáronse seis casos máis nas últimas 24 horas acadando unha cifra de 351 persoas infectadas; en Marín tamén se producía o incremento cun caso máis e sitúase en 91 persoas positivas; en Poio o incremento é de 7 persoas establecéndose en 64 positivos.

Tamén na zona do Salnés e Arousa incrementáronse os casos durante a última xornada con cinco casos máis en Vilagarcía chegando á cifra de 76 infectados; Vilanova de Arousa, catro casos máis e ten xa 32 persoas afectadas pola enfermidade. En Cambados tamén ascenderon con seis novos casos e chega ás 80 infeccións. 

En Galicia rexístranse este sábado 48.695 persoas infectadas polo virus. O número de falecidos sitúase en 1.132 persoas.