A Subdelegación do Goberno en Pontevedra súmase á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa Semana da Igualdade, que comezou este luns coa colocación dunha pancarta na súa sede.
Estiveron o subdelegado, Abel Losada; a xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero, María José Rodríguez; e a secretaria xeral, Mabel Alonso.
O subdelegado anunciou que o acto central desta Semana da Igualdade será o venres 7 de marzo na sede da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en Salcedo.
Terá como lema '8M=0N', transmitindo a idea de que a Igualdade equivale a cero negacionismo, como unha forma de intentar poñer freo ao fenómeno negacionista que "pretende converter o mundo nun lugar inxusto, onde os poderosos ordenan e mandan".
Tal e como explicou o subdelegado, este eslogan compleméntase cos conceptos 'Feminismo=Igualdade', 'Ciencia=Progreso' e 'Democracia=Liberdade'.
Para abordar esta cuestión daranse cita na Misión catro científicas do CSIC da provincia: Beatriz Novoa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas; Rosa Figueroa, directora do Instituto Oceanográfico; Alexandra Rodríguez, doutora e investigadora da MBG; e Carmen González, delegada institucional do CSIC en Galicia.
A vindeira semana, o mércores 13 de marzo, ás 17.00 horas, continuará a programación no salón de actos da Subdelegación do Goberno cunha conferencia dobre sobre Percepción sobre Violencia sexual e o Consentimento sexual e Mellores Prácticas dende a Xustiza Terapéutica para a atención das mulleres durante o proceso penal.
A primeira das charlas correrá a cargo de Dolores Seijo, profesora de Psicoloxía da USC; Verónica Marcos, profesora interina da USC; e Jessica Sanmarco, profesora da UNIR. A segunda será impartida por Mercedes Novo, catedrática de Psicoloxía da USC.
O xoves día 20, ás 09.00 horas, haberá un curso de formación sobre Autorizacións de Residencia e Traballo para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero e/ou sexual, a cargo de Juan Carlos Vázquez, xefe da oficina de Estranxería.