O salón de actos da Misión Biolóxica de Galicia na parroquia pontevedresa de Salcedo encheu este venres coa celebración do acto institucional polo 8 de marzo, liderado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Co lema 8M=0N, a declaración contundente en favor da Igualdade e contra o negacionismo, Losada apelou á sociedade para alzar a súa voz fronte á discriminación, o machismo e as teorías conspiranoicas.
Durante o seu discurso, Losada advertiu sobre o avance do negacionismo, sinalando que xa ocupa lugares de poder, firmando decretos retrógrados que ameazan os valores democráticos. "A Igualdade non é un experimento, é un piar básico; alguén se atreve a soñar un mundo sen feminismo?", cuestionou.
O subdelegado indicou que o feminismo e a ciencia son trincheiras esenciais na defensa dunha sociedade igualitaria e baseada no coñecemento.
O evento contou coa destacada participación de catro mulleres científicas: a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; pola directora do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Rosa Figueroa e pola investigadora da Misión Biolóxica- de Galicia, Alexandra Rodríguez e pola directora do Instituto de Investigacións Mariñas, Beatriz Novoa.
As investigadoras compartiron reflexións sobre a relación íntima entre igualdade e progreso científico, subliñando os desafíos persistentes para as mulleres no ámbito da investigación.
Rosa Figueroa lembrou o camiño aberto polas mulleres valentes do pasado, mentres que Alexandra Rodríguez reivindicou a conciliación entre carreira profesional e maternidade.
Pola súa banda, Carmen González chamou a resistir as correntes de retroceso que ameazan séculos de avances. Beatriz Novoa expresou na súa intervención que as mulleres en posición de liderado son tachadas de agresivas, ao contrario do que sucede cos homes.
A música tamén tivo o seu protagonismo grazas ás actuacións das violistas Mayda Toledo e Carmen Gallego da Sinfónica de Pontevedra.
Ademais, María José Rodríguez, xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero, enfatizou a necesidade dun 8M reivindicativo e cargado de contido, describíndoo como un día para reafirmar que "feminismo é igualdade, ciencia é progreso e democracia é liberdade."

Nunha Galicia onde as mulleres aínda se enfrontan a un 20% de fenda salarial e a violencia machista segue sendo unha lacra, a mensaxe de Losada foi clara ao afirmar que a Igualdade é unha conquista irrenunciable e a loita contra o negacionismo é unha responsabilidade colectiva.
"As mulleres están detrás de toda obra humana; racharon teitos de cristal e mesmo de formigón. Feminismo sempre", concluíu o representante do Goberno en Pontevedra.