8M | "Feminismo ou barbarie", alertan no Pazo Provincial

Pontevedra
08 de marzo 2023

Este mércores 8 de marzo celebrouse o acto oficial da Deputación de Pontevedra con motivo do 8M no que se representou unha peza artística da man de Carmen Quinteiro acompañada polas voces de Su Garrido e Sheila Patricia 

Acto con motivo do 8M no Pazo Provincial
Acto con motivo do 8M no Pazo Provincial / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores o acto central da súa campaña con motivo do 8M que leva o lema de 'A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos'

A ceremonia comezou coa representación artística 'Alguén aquí?', da man de Carmen Quinteiro. Consistiu nunha apelación a estar alerta e reafirmar a urxencia de non baixar a garda en defensa dos dereitos das mulleres. 

Posteriormente, Carmela Silva, presidenta da Deputación, acompañada polas mulleres do goberno provincial, interviu dicindo "es única, non aceptes suxerencias. Quen non vaia a ler na túa liberdade, que aprenda outro idioma. Es libre, quen non saiba voar en solitario que non salte contigo: mereces compañía, non un lastre".

Ademais, actuaron as cantantes galegas Su Garrido e Sheila Patricia, que fixeron soar letras revindicativas que encheron a entrada do Pazo Provincial. O alumnado do Ciclo Superior de Igualdade do CEIP A Xunqueira tamén participou coa lectura do manifesto polo 8M 'Xuntas somos mais fortes. Nin un paso atrás'.

Na parte final do acto, uníronse ao escenario todas as mulleres presentes no público que remataron ao berro de "aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé".

Momentos posteriores á celebración do acto, Carmela Silva afirmou que a mensaxe que se pretende transmitir é "dicirlle ao conxunto da sociedade que nós estamos aquí xuntas para reclamar algo que nos pertence, a metade de todo" e asegurou que "hoxe, na Deputación de Pontevedra, houbo a maxia que xenera o feminismo, porque feminismo ou barbarie".

Pola súa parte, Quinteiro insistiu en que esta loita "non é máis que reclamar a parte esencial" que lle corresponde ás mulleres.