8M | 'Libre como o mar', un mural en Sanxenxo para homenaxear as mulleres do mar

Sanxenxo
08 de marzo 2021

A pista do skatepark de Portonovo foi o lugar elixido polo Concello de Sanxenxo para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. Foi coa estrea dun mural, titulado Libre como o Mar, que é un recoñecemento ás traballadoras do mar e unha homenaxe ás mulleres

Mural polo 8M en Sanxenxo
Mural polo 8M en Sanxenxo /

A pista do skatepark de Portonovo foi o lugar elixido polo Concello de Sanxenxo para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. Foi coa estrea dun mural, titulado Libre como o Mar, que é un recoñecemento ás traballadoras do mar e unha homenaxe ás mulleres.

A súa inauguración estivo presidida polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. O acto incluíu a lectura do manifesto municipal para conmemorar este día.

Nel, Sanxenxo recorda que "a pesar de todos os avances realizados, de todas as desigualdades superadas, e de todas as mulleres e nenas que día a día, con esforzo, rachan cos estereotipos impostos aínda quedan desigualdades evidentes na nosa sociedade".

"Hoxe é un bo día para conmemorar a loita e para recordar os obxectivos, dunha forma unida entre mulleres e homes, dende todos os ámbitos de actuación posibles", reclaman desde o municipio, que apoia esta xornada de reivindicación e loita contra as desigualdades.

A crise sanitaria provocada pola COVID 19, puxo de manifesto, engade o goberno municipal, que "moitas mulleres tiveron que adaptarse e buscar fórmulas para afrontar a conciliación da vida laboral e familiar, e unha vez mais, quedou patente que a conciliación e os coidados seguen a ser, en gran medida responsabilidade feminina".

Ante todas estas evidencias, conclúe o manifesto, "debemos seguir apostando por unha sociedade máis equilibrada e xusta para todas as persoas", un traballo que debe ser un "compromiso ineludible" para toda a cidadanía.