O Concello de Marín acollía este mércores 8 de marzo o acto de conmemoración do Día Internacional da Muller, presidido pola alcaldesa María Ramallo.
Ao salón de plenos acudían representantes do Consello Municipal da Muller, órgano que decidiu homenaxear neste 2023 a diferentes veciñas da vila que realizaron proxectos empresariais innovadores.
Ramallo lembrou que o 8M é unha data reivindicativa no camiño iniciado por mulleres valentes que loitaron por dereitos como acceder á educación, conseguir o voto, traballar por un salario digno ou conciliar a vida familiar e laboral. "Dereitos básicos que non deberían ser cuestionados no século XXI", afirmou a alcaldesa no seu discurso expresando que a igualdade entre mulleres e homes "é unha necesidade nunha sociedade con valores democráticos".
Destacou a traxectoria das mulleres homenaxeadas este ano: "mulleres fortes, autónomas, emprendedoras, valentes e referentes" como Amalia Pidre Dopazo e Benedicta Dopazo Pérez (Pampillón); María José Santiago Boullón (Bicos); María Elena e Beatriz Cobo Area (Proxectos); María Peregrina Pereira Nistal (Adm. de Lotería No1 de Marín - Tica); e Almudena García Iglesias e Cecilia Puga Tejero (O taller de More).
María Ramallo convidou a todos os asistentes a continuar sumando esforzos para conseguir unha sociedade libre de discriminación de xénero e, ao final do acto, entregáronse diferentes materiais de sensibilización en igualdade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.